El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

A Laracha e Laxe veneran a Santa María e ao Carme

Comezan hoxe catro días de festa con música, deportes e espectáculos // Na vila laxense recrearán o sábado o Naufraxio e levarán á Virxe en procesión polo mar // Malpica bailará a ritmo de folk e acolle unha feira medieval

Recreación do Naufraxio no porto da vila mariñeira de Laxe na honra da Virxe do Carme - FOTO: J. M. R.
Recreación do Naufraxio no porto da vila mariñeira de Laxe na honra da Virxe do Carme - FOTO: J. M. R.

JOSÉ MANUEL RAMOS  | 14.08.2019 
A- A+

Achégase o día máis festeiro do ano en Galicia, o 15 de agosto, e na Costa da Morte as mostras de fe á Santa María teñen dous puntos de referencia: Laxe e A Laracha, dúas capitais municipais que teñen como patroa á Virxe. Na vila laxense renderán ademais homenaxe á guía dos mariñeiros: a Virxe do Carme, na honra da cal o sábado, día 17, se escenificará o Naufraxio, unha cita declarada Festa de Interese Turístico de Galicia.

Os actos relixiosos compartirán protagonismo nas dúas vilas e durante catro días coas actuacións musicais, actividades deportivas, espectáculos circenses e actividades infantís. Na Laracha comezan hoxe as celebracións cunha gran verbena amenizada pola orquestra Los Satélites e a discoteca móbil Movemento, que porá música cada noite ata o remate das festas, o día 17. Mañá, día grande, estará Alianza, o venres La Favorita e o sábado Gran Parada.

Paralelamente, o Concello larachés programou para mañá pasarrúas coa Banda de Música de Arca, e organizará un trofeo triangular de fútbol no que participarán o Laracha C. F., Unión Deportiva Paiosaco e Club do Mar de Caión. Ademais, pola tarde, ás 20.00 horas, actuará a A. C. Santa María de Torás. O venres, haberá pasarrúas coa Asociación Musical Nosa Señora do Nordés-OJE (12.00 horas) e o espectáculo de rúa Máis alto aínda, de Circo Expreso (19.00 h.). E o sábado, a A. C. Queiroa de Paiosaco encargarase dos pasarrúas (12.00 h.). A partir das cinco tarde celebrarase o Día do Neno, con inchables, festa da escuma e sorpresas.

Pola súa banda, en Laxe tamén comezan hoxe catro días de festa. A primeira verbena estará amenizada polo grupo Bomba, e mañá a música correrá a cargo das orquestras Xacobeo e Fénix e unha banda de música. O venres actuará a orquestra Pontevedra, que estará acompañada pola disco móbil Impacto, o dj Sonic e Judiht Cundíns. As gaitas de Maruxía animarán as rúas.

O sábado, festividade do Carme, a xornada comezará con pasarrúas a cargo da Escola de Gaitas de Ortigueira. A misa solemne será ás 12.00 horas e, de seguido, sairá a procesión ata o porto, onde se espera, un ano máis, a milagre da Virxe, que devolverá a vida a un náufrago, logo de ser rescatado o seu corpo polos mariñeiros que o acompañaban cando foi ao fondo a súa embarcación. A escenificación, prevista para as 13.00 horas, dará paso á procesión marítima pola ría. A orquestra Gran Casino, unha banda, a disco móbil Impacto e os djs Federato e Marc Alonso porán a música.

Moi preto, en Malpica estarán tamén de troula, cunha doble cita: a VI Feira Medieval Mariñeira e a XII Festa Galega, que comezarán o xoves e rematarán o domingo. O mercado histórico abrirá o día 15 ás 11.00 horas e pechará as portas ás 23.00 h. do día 18. A música tradicional comezará a soar o venres, día 16, da man da banda de gaitas da A. C. Malante, Cantareiras da A. C. Raigañas, Leilía e Denquevessendo. Actuarán no porto. O sábado haberá desfile de bandas de gaitas da A. C. Malante (12.00 horas), xurelada (14.00 h.) e actuarán Cantareiras Meigallo da A. C. Carcaxía, De Vacas, Xosé Lois Romero e Aliboria e Os do Fondo da Barra, a partir das dez da noite no porto.