Jueves 24.10.2019 Actualizado 01:11
Google    

El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Lembran no xulgado arzuá a primeira sentenza en galego

Encargáronse do acto a Irmandade Xurídica e a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística // Descubriuse unha praca adicada á maxistrada // Asinouse tamén a Declaración a prol da lingua nos usos xurídicos

Valentín García, no centro, xunto a todos os asistentes nos xulgados de Arzúa - FOTO: Xunta
Valentín García, no centro, xunto a todos os asistentes nos xulgados de Arzúa - FOTO: Xunta

C. ESTÉVEZ  | 26.02.2019 
A- A+

"O xulgado é unha administración moi centralizada e por iso non é doado introducir este tipo de cambios. Hai que ter en conta que a normalización do galego neste ámbito non resulta sinxela porque interactúan moitos sectores distintos". Así argumentaba o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o mérito de Arzúa, que onte levaba a cabo un acto para conmemorar a primeira sentenza ditada na nosa lingua. Obxectivo este que lle atribúen á maxistrada do municipio, a cal homenaxeron no acto.

A iniciativa estivo organizada pola Irmandade Xurídica Galega, cuxo obxectivó é levar o espírito normalizador aos colexios de avogados, procuradores, notarios e rexistradores e, según din, "a cantas asociacións e sindicatos teñan o eido do Dereito como escenario das súas actividades profesionais". Dende a asociación explican que poñen especial énfase "en encontros e acordos coas escolas de prácticas xurídicas e facultades de Dereito, sen esquecer institucións académicas para a formación de policías e funcionarios xudiciais". Participou tamén a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, que ten a defensa e promoción do idioma no territorio de Galicia, especialmente no ámbito das Administracións públicas, por bandeira. Ambas contaron coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Na conmemoración interveñeron ademais Xoaquín Monteagudo Romero, presidente da Irmandade Xurídica Galega; Xosé González, presidente da Asociación de Funcionarios para a Normalización; e Isabel Suárez García, xuíza do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución Único de Arzúa, así como varios avogados e funcionarios do partido xudicial.

Durante o acto descubriuse unha placa conmemorativa, adicada á maxistrada, e os sete alcaldes dos partidos xudiciais -José Luís García López (Arzúa), María Jesús Novo Gómez (Boimorto), Dalia García Couso (Melide), Manuel Taboada Vigo (O Pino), Manuel Adán López (Santiso), Miguel Ángel Buján Varela (Toques) e Ignacio Codesido Barreiro (Touro)- asinaron a Declaración a prol da lingua galega nos usos xurídicos. Valentín García explicou que "o uso da nosa lingua no ámbito da xustiza resulta fundamental porque é parte do proceso de normalización do galego".

Arzúa, apuntou, "non é o único municipio no que se puxo en marcha esta campaña conmemorativa, que levamos arredor dun ano pondo e marcha, senón que xa a fixemos en moitos outros como A Estrada, Lalín ou Cambados". A pesar de que aínda queda moito que conseguir, "xa vamos vendo resultados pouco a pouco", sinalou García. En definitiva, foi un acto moi humano no que todos os asistentes loaron o labor da maxistrada.

O PROTAGONISTA

Valentín García Secretario xeral de Política Lingüística "hai que estar próximos á cidadanía"

O secretario xeral de Política Lingüística asegurou que o ámbito da Xustiza "é fundamental para a plena normalización da lingua galega". Uns xulgados que funcionen con normalidade no idioma propio de Galicia, indicou, estarán máis próximos á cidadanía e son, por este motivo, unha aspiración democrática e, permítaseme a redundancia, xusta". Ademais, agregou, hai que pensar que é o espírito normalizador vai chegando pouco a pouco ao eido xurídico, "pero isto implica que estará presente tamén nos rexistros civís, audiencias, etc".

Do acto de onte en Arzúa "un xulgado de gran importancia", destacou sobre todo "a enorme asistencia" e o "cariño que todos amosaran cara a maxistrada á que homenaxearon. "Comparárona coa mesma Rosalía de Castro", explicou.

{ A OLLADA }

Xustiza para o galego

NON HAI DÚBIDA de que a galeguización dos procedementos administrativos é fundamental para a total normalización da nosa lingua. Pouco a pouco vaise extendendo o uso do galego nos ámbitos xurídicos, pero aínda queda moito por andar. É por iso que actos conmemorativos como o de onte en Arzúa serven para lembrarnos que antano foi un idioma desprestixiado, pero hoxe a realidade é moi distinta. En gran medida isto débese ao traballo de asociacións como a Irmandade Xurídica Galega ou a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística. Con moita insistencia e perseverancia foron superando todos os obstáculos. ALBA PRADA