El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Lembran a obra de Rosalía canda o seu 182 aniversario

Organiza a fundación a alborada e o caldo da gloria, do que se encargará Ledicia Costas// Rapaces de Ames divulgaron carteis cos seus poemas // Radio Xallas difundirá a seu legado o 24 // Arzúa terá actuacións

Pola esquerda: Anxo Angueira, Ledicia Costas, Xiráldez e Couto na presentación de onte - FOTO: F. R. C.
Pola esquerda: Anxo Angueira, Ledicia Costas, Xiráldez e Couto na presentación de onte - FOTO: F. R. C.

S.E/M.M.O/A.P./X.M.L.  | 20.02.2019 
A- A+

A celebración do 182 aniversario da poetisa Rosalía de Castro chega aos concellos de Área con recitais, degustacións e difusión de poemas.

Así, a Fundación Rosalía conmemora o 24 de febreiro chamando á participación en dous eventos: a alborada, coa colaboración da Asociación de Gaiteiros e Gaiteiras Galegas, e o caldo de gloria, iniciativa á que xa se sumaron colexios, restaurantes e os concellos de Padrón, Compostela, Brión, Teo, Ames, Rois, Rianxo, A Guarda, Celanova, Arzúa e Ponteceso.

Toda a programación da semana foi presentada onte na Casa-Museo polo presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira; a escritora Ledicia Costas, que este ano será a encargada de preparar o caldo de gloria en Padrón, o día 24 as 19.00 horas, e os representantes da Asociación de Gaiteiros Galegos, Xiráldez e Couto.

O famoso caldo é unha iniciativa inspirada no poema Miña casiña, meu lar no que a poeta explica como facelo humilde e no que se relata a épica diaria da supervivencia. Comezou a realizarse con éxito en 2017, cun seguimento masivo en Padrón, e en 2018 xa se converteu nun evento seguido a nivel galego. A Alborada de Rosalía é unha peza musical escrita por ela mesma, e desde a Fundación fan un chamamento a todos os gaiteiros e gaiteiras de Galicia e outros músicos como pandereteiras, requinteiras ou tamborileiras "para dar unha alborada de gloria na súa honra, ao igual que se fixo en 2013"

Pola súa banda, no caso de Ames veñen de sumarse á iniciativa do caldo de gloria, invitando aos hostaleiros -que recibirán manteis de papel personalizados- a servilo os vindeiros días 22, 23 e 24 de febreiro- a que sirvan cuncas de caldo de tapa, tanto durante as comidas como pola tarde nas ceas. Tamén haberá caldo o 22 na rede de comedores escolares municipais. Pola súa banda, o alumnado da EEI do Milladoiro e infantil do CEIP A Maía colocaron carteis e laxas de pizarra con distintos versos da vate para deleitar a todos os viandantes.

En Santa Comba teñen ata o 28 unha mostra de paneis coa vida de Rosalía, e o día 22 haberá un obradoiro de deseño de camisetas -18.00 horas na casa da cultura- e teatro, ás 21.00 horas no auditorio con Trangalleiros de Brión. Rematan cun recital aberto da obra da homenaxeada, o día 24 a partir do mediodía en Radio Xallas (107.5 FM).

Varios bares e restaurantes de Arzúa únense tamén á celebración do caldo. Poderase degustar como tapa ou prato no menú dos sete locais participantes: Mesón Os catro ventos, Casa Chelo, Café Teatro, Restaurante O Gloman, Bar Luis, Casa Nené e A taberna de Mera. Ademais vanse sumar á iniciativa os centros de ensino de Arzúa, incluíndo o tradicional caldo no menú escolar o próximo venres 22 e o 25 de febreiro. Fóra desto, o día 25 terá lugar a actuación musical Rosalía pequeniña coa cantante Uxía, que lle mostrará aos cativos algúns poemas musicados da autora. A casa da cultura acollerá unha función para os alumnos de 3º de infantil e 1º e 2º de primaria.