El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Libros gratis para incentivar o hábito lector na comarca

Ames ten programados distintos obradoiros e representacións para toda a semana // Melide acollerá na casa da cultura un contacontos para fomentar a igualdade // Frades puxo en marcha onte a biblioteca municipal

Os pequenos da escola infantil da localidade de O Pino escoitan atentos a unha contacontos - FOTO: C.O.P.
Os pequenos da escola infantil da localidade de O Pino escoitan atentos a unha contacontos - FOTO: C.O.P.

A. PRADA-M. MANTEIGA  | 24.04.2019 
A- A+

O 23 de abril foi o día no que faleceron figuras tan relevantes na literatura universal como Cervantes, Shakespeare ou Garcilaso de la Vega. Na actualidade, e dende 1996, celébrase o Día Internacional do Libro, como unha data simbólica para lembrar a importancia da lectura e de incentivar este hábito. Desde Área uníanse onte varios concellos con distintas actividades.

En Negreira, e a iniciativa do servizo de Normalización Lingüística, púxose en marcha unha mostra, a xeito de museo dos contos, na casa da cultura. Xa na Baña está previsto para o venres a partir das 17.00 horas o IX Maratón de Contacontos, cun libro infantil de agasallo para quen colabore e, a continuación, a ratiña Lilí Gruyère de Lonxedetodo fará unha representación teatral. Arredor das oito da tarde, todas as persoas que se acheguen pola entrada da casa da cultura recibirán unha obra literaria de agasallo, unha campaña da Deputación á que tamén se sumou a biblioteca municipal de Ordes.

Outro dos epicentros da literatura será Ames, onde a concellaría de Cultura organizou para toda a semana unha intensa programación composta por sesións de obradoiros, representacións e presentacións. O acto central chegará o sábado ata a praza do Concello de Bertamiráns, entre as 17.00 e as 20.30. Alí haberá unha exposición e tamén se venderán libros da man de Follas Novas e Brazolinda, máis un recuncho da lectura.

Frades súmase a esta iniciativa coa apertura da biblioteca municipal, emprazada no multiusos de Cimadevila. O acto terá lugar a partir das cinco e incluirá a actuación musical e o contacontos Picadiscos Mari Faltri. Trátase dunha proposta de María Faltri, compoñente do grupo folk Faltriqueira, que fará un repaso polos grandes éxitos da música infantil galega, ao tempo que fai coreografía e animación para os nenos coa súa minibiblioteca ambulante.

Melide celebrará hoxe a xornada cun relato para a coeducación e a igualdade. A compañía Pablísimo exporá na biblioteca Xosé Vázquez tres historias que teñen como obxectivo principal o fomento de ditos aspectos entre os homes e as mulleres. Así, baixo o título de Príncipas e princesos, exporanlles aos cativos e ás cativas os contos que levan por títulos O príncipe Cincento, As princesas tamén botan peidos e A princesa e o Chícharo.

En Tordoia onte repartíronse exemplares gratuítos, unha iniciativa organizada dentro do programa Libros para sermos libres. E en O Pino aproveitouse para fomentar o hábito lector entre os pequenos da escola infantil da localidade.

Silleda, pola súa parte, festexará esta xornada durante toda a semana. Onte desenvolvíase un taller de minilibros e o venres farase un mercadiño solidario no que se porán á venda exemplares de segunda man ó prezo dun euro.

Participan neste certame os centros educativos e Anpas, e a totalidade da recadación destinarase á iniciativa municipal Silleda Solidaria, que atende ás familias con menos recursos. Á parte, durante toda a mañá ensinarase a elaborar chapas, colgadores para portas e imáns. Por outra banda, haberá asemade varios espectáculos.

areadecompostela@elcorreogallego.es