El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Lousame inicia as obras de mellora na aldea de Servia para unha maior seguridade viaria

E. POUSO   | 26.02.2019 
A- A+

LOUSAME. O Concello de Lousame vén de iniciar os traballos de mellora do camiño situado entre o complexo medioambiental de tratamento de residuos de Lousame e a aldea de Servia, parroquia de Vilacoba, nos que se van a investir 96.010,69 euros. Os arranxos terán lugar ao longo dos 2,3 quilómetros desta estrada, de seis metros de ancho, onde "imos reparar as fochancas que presenta e a perfilar con grava e tratamento asfáltico os seus bordes, antes de botarlle unha capa de cinco centímetros de aglomerado en quente a toda a calzada que mellorará a seguridade viaria dos veciños e veciñas que a utilizan", apuntou a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde. Os traballos incluirán tamén a limpeza de gabias e salvagabias para a correcta drenaxe da zona, así como o pintado da sinalización horizontal. Esta actuación súmase ás obras de saneamento realizadas a finais do ano pasado que permitiron dotar a esta aldea lousamiana de novos colectores de augas residuais e pluviais, co obxectivo de conseguir que a maior parte das vivendas poidan verter as fecais a unha rede de saneamento separativo para o seu posterior tratamento.