El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Lousame realizará unha repoboación forestal no monte de San Lourenzo

Investiranse 33.500 € dunha achega da Consellería do Medio Rural // Buscan mellorar a contorna da capela

Villaverde e Martínez comentando o proxecto da repoboación - FOTO: ECG
Villaverde e Martínez comentando o proxecto da repoboación - FOTO: ECG

ESPERANZA POUSO   | 28.02.2019 
A- A+

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, presentou onte o proxecto de repoboación forestal e posta en valor do monte de San Lourenzo (Tállara) no que o Concello ten previsto investir 33.500 euros grazas a unha achega da Consellería do Medio Rural. Unha actuación que se levará a cabo fundamentalmente con frondosas autóctonas caducifolias.

A rexedora, que estivo acompañada polo concelleiro de Medio Ambiente, Ramón Martínez, explicou que "estamos falando dun lugar único e que ten unha gran potencialidade como entorno natural". Neste sentido, lembrou que os terreos pertencen á comunidade de montes veciñais en mancomún de Abeixón e Carantoña, que cedeu o seu uso en favor da administración local.

"Retiráronse basicamente piñeiros, acacias e eucaliptos, que agora darán paso a unha vexetación acorde cos obxectivos desta actuación, coa que buscamos mellorar a paisaxe e os espazos que rodean a capela da localidade, ao tempo que facemos unha importante tarefa de desenvolvemento ecolóxico da zona", dixo a mandataria.

A intervención asentarase sobre unha ladeira orientada ao leste e a superficie da mesma será de 4,21 hectáreas, xa que nas tres restantes existe unha masa de frondosas consolidadas.

Tamén salientou que "o ano pasado xa fixemos algo importante na contorna do sobreiral, un dos poucos que quedan en Galicia".

 

Punto de interese local

••• A alcaldesa lousamiá explicou durante a presentación da iniciativa que a especie que se plante será a máis axeitada para cada unha das zonas do monte, e adiantou que "agardamos contar coa participación activa do alumnado do CPI Cernadas de Castro para a plantación. Non podemos agardar moito, porque xogamos coa climatoloxía, polo que os traballos comezarán en breve". Tamén comentou que, unha vez realizada a repoboación, "procederemos a facer sendeiros e a colocar aquel mobiliario público que nos permitan dende o distrito". Ademais, referiuse a dous miradoiros naturais que hai sobre a ría de Arousa e a de Muros-Noia, asegurando que "temos a intención de adecentar o espazo para que poida ser visitado". Finalmente, avanzou que "antes de que finalice a actual lexislatura, dende o executivo que presido temos a intención de aprobar a declaración de San Lourenzo como Punto de Interese Local, aínda que teñamos que convocar unha sesión plenaria extraordinaria".