El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Máis de 12.000 persoas na Festa do Salmón da Estrada

Esgotáronse os 6.400 pinchos elaborados pola decena de locais participantes // Armando Requeixo foi o encargado de pronunciar o pregón no día grande

Todos os premiados co Salmón de Ouro, xunto ao alcalde José López, 2º esq - FOTO: ECG
Ver galería
Todos os premiados co Salmón de Ouro, xunto ao alcalde José López, 2º esq - FOTO: ECG

ALBA PRADA   | 20.05.2019 
A- A+

Un ano máis a Festa do Salmón da Estrada volveu mostrar a súa alta capacidade de convocatoria ao reunir onte no seu día grande a máis de 12.000 asistentes e ao lograr esgotar os 6.400 pinchos do 'rei do río' servidos na degustación popular. Deste xeito, segundo explican dende a organización, volveronse igualar as cifras da edición do ano pasado e do 2014.

A xornada arrancou a media mañá coa recepción de autoridades por parte do alcalde estradense, José López, e do resto da corporación municipal. Tras a benvida protocolaria, e co acompañamento da Banda de Música Municipal da Estrada, a actividade festiva desprazouse ata o teatro principal para a lectura do pregón, que correu a cargo do profesor Armando Requeixo. Impuxéronse tamén os Salmóns de Ouro ao propio pregoeiro, ao ex presidente do CIT Luis Reimóndez a título póstumo -recibido por Catina Sanmartín-, á asociación Codeseda Viva e á empresa Hijos de Rivera.

ECG
Centos de persoas desfrutando das tapas
FOTO: ECG

O rexedor da Estrada aproveitou a súa intervención para destacar o "crecemento consolidado e estable do certame e o innegable atractivo do seu formato de degustación na rúa, cunha decoración moi coidada, que o converte nunha das citas gastronómicas máis especiais e admiradas da nosa comunidade". Destacou asemade o papel do Centro de Iniciativas e Turismo (CIT) e da Sociedade Deportiva Río Ulla como entidades claves nesta festa e tivo unhas palabras de louvanza para a hostalaría, a restauración e os cociñeiros "polo cariño, calidade e imaxinación".

Tras este acto, a celebración centrouse no Novo Mercado e a súa contorna, que recibiu aos milleiros de asistentes co espectáculo gastronómico Sabor, a cargo da compañía Culturactiva, a música ambiental de The Bichos Jazz Band ou o obradoiro de montaxe de moscas para a pesca do salmón. Paralelamente, o público deu boa conta dos 3.200 tiques postos á venda -200 máis dos previstos inicialmente- que permitían gozar dunha bandexa con dous petiscos cada unha.

Deste xeito, rematáronse as 6.400 racións preparadas pola decena de establecementos que participaron cunha vintena de receitas distintas.