Mar apela á rigorosidade nas melloras do porto de Malpica
Están a estudar as actuacións máis axeitadas para reforzar a seguridade // Quintana informou ao alcalde e o patrón maior
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, informou onte ao alcalde de Malpica, Walter Pardo e ao patrón maior, Pedro Pérez, dos pasos que están a dar para determinar as actuacións máis adecuadas para mellorar a seguridade no porto tralo accidente de finais de 2018 no que morreu un mariñeiro da vila.
Quintana, acompañada da presidenta de Portos, Susana Lenguas, explicoulles que os técnicos están a traballar na recollida de datos do comportamento da dársena co obxectivo de coñecer as necesidades que marcarán as pautas de licitación do estudo de alternativas e o posterior proxecto para dar unha solución definitiva ao peirao.
Pide que se deixe traballar aos técnicos e advirte que "as présas poden levar a resultados contraproducentes". Lembra que a dársena malpicá é unha infraestrutura complexa "desde a súa construción hai máis de 80 anos" e apela a facer unha "análise sólida" das alternativas.
Actualmente están a medir as ondadas e correntes no interior do porto e os niveis de sobreelevación das ondas longas liberadas polos temporais para avanzar na busca dunha solución.
Na reunión tamén trataron a posibilidade de dotar dun novo guindastre para poder pór en seco embarcacións no porto de Barizo. Logo de desbotar un arranxo do actual, a conselleira reiterou a posibilidade de que os usuarios soliciten diante do GALP unha axuda para adquirir e colocar un novo.