El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Mato activa a dixitalización das sete 'xoias' naturais de Galicia

O complexo de Corrubedo é xa o primeiro en ter o novo equipamento tecnolóxico //Os contidos poden visualizarse en videowalls// O proxecto, que ten 422.000 € de inversión, prevé mesas interactivas e dispositivos de realidade virtual texto Suso Souto

Mato e o alcalde, Manuel Ruiz, visionan no videowall unha fcha do parque natural de Corrubedo.  - FOTO: Suso Souto
Mato e o alcalde, Manuel Ruiz, visionan no videowall unha fcha do parque natural de Corrubedo. - FOTO: Suso Souto

SUSO SOUTO   | 12.09.2018 
A- A+

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) completarán este ano a dixitalización dos seis parques naturais galegos, o Parque Nacional das IIlas Atlánticas e catro aulas da natureza. En total, once espazos dotados con solucións tecnolóxicas innovadoras para facilitar aos visitantes o acceso á información sobre rutas, servizos, patrimonio, flora e fauna de cada parque ou aula dun xeito lúdico e atractivo.

A titular de dito departamento autonómico, Beatriz Mato, visitou onte o Centro de Interpretación do Ecosistema Litoral de Galicia (CIELGA) no Vilar (Ribeira), o primeiro dos once espazos previstos na iniciativa no que se completou a dotación tecnolóxica. Este parque natural dispón xa dun videowall con contidos dixitais e unha mesa interactiva con 30 fichas que describen a fauna e flora proxectando a información gráfica e textual de cada ficha.

Mato destacou que os parques naturais de Galicia representan case 500 quilómetros cadrados de "auténticos paraísos" e que son "unha boa mostra da beleza natural de Galicia; de aí que darlle valor ás grandes reservas naturais de Galicia sexa unha prioridade", salientou a conselleira.

En canto ó equipamento tecnolóxico do proxecto (que ten unha inversión de 422.000 €), unha plataforma de contidos permite que cada parque xestione a súa información que se proxecta ben a través de videowalls, pantallas informativas ou mesas interactivas. A distribución deste equipamento estase a realizar en base a un estudo previo de necesidades e posibilidades de cada un dos espazos naturais contemplados no proxecto, que inclúe, tamén, solucións de realidade aumentada ou gafas de realidade virtual.

Ademais, estes contidos serán accesibles desde outras canles, como o portal Galicia Natural e Única e a aplicación dos parques. No marco deste proxecto, tanto a web como a app ofrecen xa novas versións. O novo portal amplía os seus contidos incluíndo información de todos os parques, reservas da biosfera e espazos naturais de Galicia baixo a etiqueta Espazos imán. A aplicación dos parques naturais de Galicia, dispoñible en IOS e Android, posibilita o selado dixital do Pasaporte Natural ao activar a localización do dispositivo móbil cando se visitan os parques.

A Consellería quere premiar a fidelidade dos visitantes dos parques naturais. Por iso, as tres primeiras persoas que completen o pasaporte dixital serán obsequiadas cunha experiencia natural a elixir entre as distintas actividades ecoturísticas e aloxamento nos parques naturais de Galicia.

Mato dixo que ata o pasado 31 de agosto, 256.000 persoas visitaron este ano algún dos parques naturais galegos (6.695 máis que no mesmo período de 2017).

{ A LETRA PEQUENA }

Unha nova dimensión

A IMPLICACIÓN da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia na dixitalización dos servizos, rutas, información de flora e fauna e características dos seis parques naturais galegos (o Complexo Dunar de Corrubedo, as Fragas do Eume, o Invernadeiro, a Serra da Enciña da Lastra, a Baixa Limia-Serra do Xurés e o Monte Aloia), do Parque Nacional das Illas Atlánticas e das aulas da natureza tradúxose nunha intervención feita cunha sensibilidade especial para adaptar as novas tecnoloxías ás peculiaridades de cada espazo. O proxecto posto en marcha pola Xunta otorga unha nova dimensión á promoción destes espazos.

A PROTAGONISTA

Mar Pereira

Directora da Amtegadatos de rutas, flora, fauna ou servizos

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, destacou onte en Ribeira que a iniciativa da dixitalización dos sete parques galegos "abordouse dun xeito integral e cun enfoque global, que permita evolucionala nun futuro". "Un estudo e análise previa das necesidades de posibilidades de cada un dos once espazos determinou a dotación do equipamento máis axeitado a cada caso cun mesmo obxectivo: ofrecer información sobre os servizos, rutas, flora e fauna de cada parque e aula da natureza dun xeito más atractivo, lúdico e en soportes audiovisuais e interactivos", engadiu Mar Pereira.