El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Medio cento de firmas confirman a súa presenza na próxima Feira do Moble

Celebrarase entre o 18 e o 22 de setembro na Estrada // Vaise sortear entre todos os asistentes o mobiliario dun apartamento

Un momento do acto de inauguración da Feira do Moble do ano pasado co alcalde da Estrada, á dereita - FOTO: SANGIAO
Un momento do acto de inauguración da Feira do Moble do ano pasado co alcalde da Estrada, á dereita - FOTO: SANGIAO

MANUEL BOO A ESTRADA   | 25.08.2019 
A- A+

A Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada, entidade organizadora da Feira do Moble de Galicia, informa que preto de medio de cento de empresas de diferentes sectores relacionados co mobiliario, a decoración, o interiorismo e os complementos confirmaron xa a súa presenza no certame, que abrirá as súas portas entre os próximos 18 e o 22 de setembro.

Na relación de firmas da contorna que acudirán á feira, que cumple a súa 33 edición, figuran as estradenses Artest, Lani Estrada, Carpintería Rivas, Nattex A Estrada e Irmáns Picaño, a lalinense Carlos Seixas e a cuntiense Piscinas Míguez, entre outras. Varias delas, concretamente Artest, Lani Estrada, Carpintería Rivas e Carlos Seixas, serán as encargadas de darlle a benvida aos visitantes, posto que volverán estar ubicadas no pavillón número 3, que acollerá novamente a entrada ao recinto feiral.

Desde a organización da feira estanse a comercializar os últimos espazos expositivos dispoñibles, ao tempo que se continúa a traballar na definición da programación de actividades complementarias, entre as que figuran exposicións, espectáculos de maxia e algunha charla formativa.

Ademais, tamén se está a ultimar a campaña promocional, un ámbito no que un dos maiores atractivos da presente edición é o sorteo do mobiliario dun apartamento, patrocinado pola Asociación de Fabricantes e Comerciantes de Mobles (AFCME), no que poderán participar tódolos asistentes que adquiran unha entrada, cuxo prezo será dun euro.

O gañador deste sorteo poderá elixir entre tres opcións de mobiliario que proporcionarán tres firmas afiliadas á AFCME: Artest, Muebles Pose Mato - Nattex A Estrada e Muebles García Lorenzo.

Dito sorteo celebrarase o último día da feira, o domingo 22 de setembro a partir das oito da tarde, mentres que desde o xoves ata o sábado celebraranse outros sorteos adicionais de estancias en casas de turismo rural -en colaboración con Mar de Compostela-, ceas no restaurante Asador de Leo, vales de compra en comercios afiliados á Asociación de Comerciantes da Estrada (Acoe) e entradas para o curro da Rapa das Bestas de Sabucedo de 2020.