El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Melide leva a súa repostaría ata os centros educativos

Alumnos do Centro Integrado de Formación Profesional Paseo das Pontes elaboraron os doces típicos do municipio

FOTO: C.A.P.
FOTO: C.A.P.

A. PRADA MELIDE   | 15.01.2020 
A- A+

Como cada ano o Concello de Melide celebrará a segunda fin de semana de maio a Festa do Melindre, a cita gastronómica máis destacada do municipio ao poñer en valor os doces tradicionais e que foi declarada de Interese Turístico de Galicia no 2013.

O goberno local, en colaboración coa Asociación da Repostaría Tradicional Melide Terra Doce, comezou xa coa promoción do festexo para dar a coñecer aos grandes protagonistas da celebración: os ricos, melindres e amendoados. A primeira acción promocional tivo lugar no Centro Integrado de Formación Profesional das Pontes, na Coruña. Alí tivo lugar un obradoiro no que os participantes puideron elaborar ditos doces tradicionais e tamén probalos. Encargouse de impartir este taller Alberto Rodríguez, membro da Asociación da Repostaría Tradicional Melide Terra Doce e responsable da Pastelería Estilo. A maiores de darlles a coñecer o produto local tamén presentou diferentes opcións para obter un segundo uso dentro da restauración cos melindres, ricos e amendoados.

Dende o Concello explicaron que con este tipo de promocións "trátase de expoñer a calidade dun produto ligado á terra de Melide, feito a man, de marcado carácter tradicional que posúe unha simbiose perfecta coa alta gastronomía actual". Este evento, engadiron fontes municipais, "trátase dunha boa oportunidade para promocionar os nosos produtos e ao mesmo tempo dar a coñecer tamén a Festa do Melindre, que para nós é o máximo evento para difundir a existencia dos doces tradicionais de Melide".

A finais deste mes tocaralle a quenda á Escola de Hostalaría de Lugo do IES San Xiao, completando así, unha serie de visitas a totalidade destes centros formativos que comezou o pasado ano.

Este recoñecido evento gastronómico axuda a promocionar o municipio e aos reposteiros locais e ademais logra atraer á vila cada ano un gran número de visitantes a través dos obradoiros e espectáculos que se organizan arredor do festexo.