El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Mellores instalacións deportivas en dezasete concellos de Área

En total o Plan Único inviste máis de tres millóns nas comarcas // Carballo é o que máis recibirá para reformar os vestiarios no campo de fútbol O Periscal- Sofán // Santa Comba e Muros son os seguintes con máis axudas

Imaxe da piscina municipal de A Baña, que será reformada cunha axuda de 73.546 euros - FOTO: C. A Baña
Imaxe da piscina municipal de A Baña, que será reformada cunha axuda de 73.546 euros - FOTO: C. A Baña

ALBA PRADA  | 11.01.2019 
A- A+

Un total de 17 concellos de Área de Compostela van mellorar as súas infraestruturas deportivas grazas a un investimento de 3.198.082,84 euros do Plan Único (POS+) da Deputación da Coruña. No caso da comarca de Compostela, os municipios van recibir 1.082.763,31 euros para as súas instalacións. A Baña poderá reformar a piscina en San Vicenzo; Brión vai substituír a cuberta do pavillón municipal de deporte de Lamiño e mellorar a súa acústica; Oroso reparará a cuberta da piscina municipal e Teo contará con céspede artificial e rego no campo de fútbol de Calo. No caso de Trazo, as axudas empregaranse para substituír a cuberta do polideportivo municipal e no de Vedra para renovar o céspede artificial dos campos de fútbol Coto e San Mamede.

Costa da Morte renovará os seus establecementos deportivos grazas a unha axuda de 904.934,05 euros. Carballo, que é o concello de Área que máis recibe (546.549,64 euros), reformará e ampliará os vestiarios no campo de fútbol O periscal-Sofán, Cee vai reparar a piscina municipal e Zas substituirá o céspede no campo de fútbol de San Andrés. En Xallas, Santa Comba será o segundo municipio con máis axudas: 417.765,79 € para remodelar o campo de fútbol de Fontenla, e pola súa parte, Mazaricos mellorará os equipamentos con uso deportivo de Pino de Val.

Xa no Barbanza, os concellos terán axudas por 736.463,59 euros. Muros será o terceiro de Área que máis investimentos reciba; 263.382,52 euros, que empregarán para facer varias obras de mellora no campo de fútbol Eleuterio Balayo, na pista polideportiva de Miraflores, nos campos de fútbol de Louro e Esteiro, no Club de remo de Esteiro e no campo de fútbol Eleuterio Balayo. Pola súa banda, Outes reformará os vestiarios no campo de fútbol e na sala de actividades na piscina municipal, e A Pobra do Caramiñal vai mellorar o módulo cuberto de atletismo no estadio da Alta. Rianxo vai usar as axudas nos vestiarios do campo de fútbol A Lomba, e Ribeira pavimentará os campos de fútbol de Aguiño e Carreira , impermeabilizará o poliderportivo de Artes e pintará a pista de atletismo A Fieiteira.

O Plan Único da Deputación financia en toda a provincia da Coruña un total de 51 obras cun investimento de 6.571.770 euros. A esta cifra hai que sumar outros 772.431 € que os municipios achegan para completar algúns dos investimentos, que en conxunto acadan os 7,3 millóns de euros. O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, explicou que isto "amosa que hai un interese por parte dos concellos coruñeses para mellorar as súas infraestruturas deportivas. Unha necesidade que a Deputación está contribuíndo a satisfacer cun programa como o Plan Único", indicou González Formoso.

0 PROTAGONISTA

Valentín González Presidente da Deputación "hai que promocionar o deporte"

O presidente da Deputación indicou que estas axudas do Plan Único contribúen "a mellorar as infraestruturas deportivas municipais", pero tamén se leva a cabo "unha importante labor de promoción do deporte na provincia en todos os seus ámbitos, dende o deporte de base aos grandes eventos deportivos", indicou. Dende a Deputación "destínase preto dun millón de euros anuais para a contratación de técnicos deportivos nos concellos, impulsando programas que subvencionan a actividade de centos de clubs coruñeses de diferentes disciplinas e categorías deportivas" ou creando bolsas para que os deportistas da provincia.

A OLLADA

Calidade de vida

Estos máis de tres millóns de euros que a Deputación inviste nas instalacións deportivas de Área van dende logo a repercutir na calidade de vida da veciñanza. Contémplanse varias reformas nos campos de fútbol, que serán positivas para os afeccionados e para os deportistas, que poderán xogar en condicións. Tamén hai moitas axudas para rehabilitar as piscinas municipais, e pavillóns; instalacións moi usadas polos veciños para practicar deporte a diario. Manter en bo estado este tipo de infraestruturas resulta fundamental, pola propia imaxe que dan dos municipios, pero sobre todo, para que veciños e deportistas poidan desfrutalas. Alba Prada