El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Música e tributo ao Rei León no verán de Silleda

Atractivo programa de festas no concello pontevedrés// A finais de outubro chegará ao municipio a obra 'De Kimba a Siara' // O mosteiro de Carboeiro acolleu un concerto de coro e orquestra e un curso de verán

A compañía Onbeat ataviada coas vestimentas da súa obra De Kimba a Kiara que actuará en Silleda. - FOTO: Onbeat
A compañía Onbeat ataviada coas vestimentas da súa obra De Kimba a Kiara que actuará en Silleda. - FOTO: Onbeat

ALBA PRADA  | 19.08.2019 
A- A+

O Concello de Silleda comeza xa a dar a coñecer a programación cultural para os vindeiros meses. Unha das citas máis agardadas é a do próximo 28 de setembro no auditorio da Semana Verde. O actor e humorista Carlos Blanco, ofrecerá un monólogo ás 21.30 horas. As entradas xa se poden adquirir a través do portal Woutick e nos vindeiros días tamén estarán á venda no concello silledense. O prezo do pase anticipado é de diez euros e en taquilla custará trece euros.

Xa para finais de outubro recalará tamén no municipio, no auditorio da Semana Verde, a obra De Kimba a Kiara. Trátase dun tributo ao Rei León, posto en marcha pola compañía Onbeat, que colleitou grandes éxitos con musicais como Aladdin ou Supercalifragilístico. Con esta obra, Onbeat logrou gran recoñecemento durante a tempada que estivo na Gran Vía de Madrid e pasou xa por moitas cidades de España.

Dende a compañía queren deixar claro que non é un musical nin está inspirado no de Madrid. Ao longo da actuación, os asistentes poderán escoitar todas as cancións de El Rey Léon 1 e 2 e algunhas da 3. As entradas xa poden adquirirse en Woutick por 12 euros. Parte da recadación vai destinarse á Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui (Sogaps) coa que o concello xa vén colaborando dende hai anos para a financiación de programas como Vacacións en Paz.

 


CARBOEIRO O mosteiro do Carboeiro acollía o pasado venres 16, dentro do curso de verán Tamara Brooks, un concerto de música clásica que reuniu a preto de medio centenar de alumnos e profesores do 30 Curso de Verán de Dirección, Canto, Coro e Orquestra. Este programa de verán, que dende 2016 toma o nome da prestixiosa directora de orquestra estadounidense falecida en 2012, contou nesta trixésima edición coa participación de destacados directores.

Estiveron presentes Julio Domínguez, director do coro de música clásica Camerata ad Libitum, que organiza este curso; Adriana Tanus, Laura González Machín e Vítor Lima, que tamén colaboran na dirección e Carmen Solís, que impartiu unha masterclass avanzada de canto. Tamén se deixaron verJuan Abalde (técnica vocal/canto); Gloria Nóvoa (técnica vocal/canto); Sonia Bouzada (contralto); ou Paula Cobián ( expresión corporal), entre outros. A cargo do piano estivo Rasa Biveiniene. A concelleira de Cultura e Turismo, Mónica González, agradeceu aos organizadores que "escolleran o mosteiro silledense un ano máis para un dos seus concertos deste ano". "Unha vez máis o mosteiro de Carboeiro e a súa beleza volveron a fundirse coa música clásica grazas a este concerto", engadiu.

Tamara Brooks comezou o 4 de agosto en Mondariz e rematou o sábado día 17 coa celebración de clases e distintos concertos.

Esta localidade pontevedresa tan vencellada a Santiago, por razóns xeográficas e de interese común, presenta este ano un amplo programa de actividades co propósito de atraer ao maior público posible.