El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Na Maía non queren deixar ningún alumno sen comedor

Remata no colexio de Ames a primeira fase das obras que van facilitar 460 prazas

Estado actual das obras que se están levando a cabo para construír un novo comedor escolar no CEIP A Maía - FOTO:  C.A.
Estado actual das obras que se están levando a cabo para construír un novo comedor escolar no CEIP A Maía - FOTO: C.A.

MANUEL BOO   | 17.02.2020 
A- A+

A concellaría de Educación de Ames vén de rematar a primeira fase das obras de construción do novo comedor do CEIP da Maía, que consistiron na demolición e desmontaxe dos módulos do antigo comedor. De seguido, comezará a segunda fase de ditas actuacións, na que se executarán os traballos de cimentación e construción da nova estrutura.

O concelleiro de Educación, o nacionalista David Santomil, achegouse ata o citado centro escolar para ver de primeira man como avanzan os traballos de execución do novo comedor no complexo educativo.

Este proxecto, que foi adxudicado á empresa Eulogio Viñal Obras y Construcciones, por un importe de 389.575,76 euros, está sufragado con fondos propios do Concello amiense.

Con esta nova infraestrutura preténdese ampliar o número de prazas do servizo municipal de comedor escolar, xa que é unha demanda da comunidade educativa de dita localidade. Actualmente o número máximo de prazas de dito servizo é de 330, mentres o número de solicitudes incrementou de maneira considerable, cunha previsión de 375 a 400 prazas previstas para o presente curso escolar.

Esta capacidade pode ser asumida na súa totalidade pola nova instalación, xa que o proxecto contempla un total de 460. Ademais, coa posta en marcha desta infraestrutura hai que ter en conta os custos asociados ao funcionamento deste futuro espazo escolar, que supón a creación de máis de 150 novas prazas para o presente curso, das cales 130 corresponden ao comedor do CEIP A Maía. Para dispoñer dun maior detalle na estimación e sustentabilidade do mesmo, a concellaría de Educación contratou un Plan Económico Financeiro coa Universidade de Vigo de cara a realizar un cálculo de cales serán os custos nos vindeiros cinco e dez anos.

David Santomil destaca que "as obras estanse executando no prazo estipulado no contrato". Nese sentido, engade que "a empresa adxudicataria vén de rematar os traballos da primeira fase, que consistiron na demolición e desmontaxe dos módulos do antigo comedor. Segundo as previsións, de seguido comezará a segunda fase de dita actuación, na que se executarán as tarefas relacionadas coa cimentación e a construción".