El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Negreira e Ordes venceron á chuvia na NoiteFolk e nas galas de Seivane e a Mondragón

Boa resposta do público no Refuxio de Covas e na alameda ordense a pesar da madrugada chuviosa

Orquesta Mondragón e Gurruchaga onte en Ordes - FOTO: ecg
Orquesta Mondragón e Gurruchaga onte en Ordes - FOTO: ecg

M. OUTEIRO   | 19.08.2019 
A- A+

Santiago. Os melómanos e devotos da festa rachada non lle teñen medo ao mal tempo, nin en Ordes nin en Negreira. Porque nestes dous concellos, e pese á chegada de chubascos e vento na pasada madrugada, celebraron sendos concertos masivos co mellorciño do folclore galego -na capital barcalesa actuaron Leilía, A Roda e Xabier Díaz con Adufeiras do Salitre- , mentras que na vila ordense pecharon as súas patronais cunha espectacular gala a cargo da Orquesta Mondragón con Xavier Gurruchaga e precedida da de Susana Seivane. E se no primeiro caso o público mediuse por centos, no segundo tiveron que botar mas das cifras con tres ceros.

Deste xeito, as festas de Ordes chegaron ao seu remate deixando "unha sensación de éxito e boa organización", segundo o Concello, tanto pola destacadísima afluencia de público congregado ao longo dos cinco días de celebración, como pola variedade de concertos, espectáculos e actos desenvolvidos. Alí tiveron un peche de ouro por parte da gaiteira Susana Seivane, que deixou claro porque está considerada unha das mellores do mundo no seu. Os ordenses e visitantes tiveron a fortuna de ser testemuñas, ademais, de que a descendencia tamén ten madeira e pisa forte despois de ver ao seu fillo maior dándolle o bombo sobre o palco. Nada máis e nada menos que dúas décadas está a celebrar esta gran artista sobre os escenario. E para vivilo a carón dos veciños do lugar non dubidou en brincar do escenario e tocar entre o público, quen a acompañou coreando temas tan tradicionais e rítmicos como foi o coñecido Sacristán de Coímbra.

Xa ao seu remate chegaba Javier Gurruchaga e a Orquestra Mondragón, que fixeron bailar a toda a alameda ao son de temas coñecidos e populares como Corazón de neón, Caperucita Roja ou Viaje con nosotros. Non faltou o momento emotivo e reivindicativo, cando o donostiarra tivo palabras de apoio aos náufragos acollidos no barco Open Arms. E "a toda a xente que sufre" dedicoulle o Imagine, de Lennon.

Xa no caso de Negreira, a chuvia respectou a decimosétima Noite Folk, celebrada un ano máis no Refuxio de Covas, en plena natureza e a pé do río Barcala. Sobre o escenario, tres grupos que xa tocaran neste concello, e que representan o máis destacado do folclore e a música coral enxebre desta terra: coma sempre, Xabier Díaz devolveulle a vixencia ás vellas músicas acompañado das voces de Adufeiras do Salitre; Leilía conquistou, unha vez máis, aos asistentes polo seu bo facer e taboas no seu xénero, sen esquencer a música de taberna elevada de categoría por parte da Roda, un conxunto que esperta simpatías alí por onde vai.