El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Noia renderá homenaxeás primeiras matronas do municipio

Honrarán a Angelita Durán e Pepita 'A Pola' nun acto que se celebrará o día 7 no Coliseo

Marisol Villar mostra o cartel coa programación - FOTO: ECG
Marisol Villar mostra o cartel coa programación - FOTO: ECG

ESPERANZA POUSO   | 01.03.2019 
A- A+

O Concello de Noia conmemorará o Día Internacional da Muller cunha homenaxe ás dúas primeiras matronas do municipio: Angelita Durán e Pepita 'A Pola'. Avanzouno o martes a concelleira de Benestar, Servizos Sociais e Igualdade, Marisol Villar, durante a presentación da programación prevista para esa xornada.

"Nunha edición anterior honramos a dona Elena Batalla Tubío, a primeira presidenta da agrupación de profesionais de marisqueo a pé A Misela. Este ano tócalles a dúas mulleres emblemáticas desta vila: as dúas primeiras matronas, non só de profesión senón tamén de carreira, algo impensable se nos detemos a pensar que estamos falando de arredor dos anos corenta e cincuenta".

Marisol Villar salientou que "foi un gran pracer para min poder contar coas súas familias, as cales agradecemos de antemán a súa agarimosa colaboración e que nos permitiran traballar para conseguir algo fermoso que amosaremos a todos os veciños e veciñas".

 


Programación O acto terá lugar o xoves 7 de marzo no Coliseo Noela, para non coincidir coas actividades de Entroido. Dará comezo ás 19.00 horas coa proxección dos trece vídeos gañadores do III Concurso de Videocreación do Concello de Noia contra a Violencia de Xénero, ao que se presentaron un total de 68 filmes do alumnado de todos os centros escolares da localidade.

Ás 20.30 horas terá lugar a homenaxe a Angelita Durán e Pepita 'A Pola', seguida dunha actuación musical a cargo da soprano noiesa Esperanza Mara. Un recoñecemento organizado pola concellería de Benestar e o Centro de Información da Muller (CIM) noiés.

Para quen quera asistir a entrada é libre e de balde. "Invitamos a todos os veciños e veciñas a que acudan a desfrutar dunha xornada tan importante para o xénero feminino. Arrancamos esta iniciativa o ano pasado e dada a boa acollida decicimos levalo a cabo de novo, xa que queremos continuar destacando o papel de tantas mulleres que formaron parte da nosa historia", concluíu a responsable de Igualdade.

En Muros, tamén o día 7 de marzo, levarán a cabo o obradoiro Feminicidio. Unha nova orde patriarcal en tempos de submisión, que impartirá Carme Adán. Será mixto e partirá cunha breve exposición sobre o tema por parte da autora, a posterior lectura de textos e un debate final. Terá lugar na casa da cultura ás 18.00 horas. Todos os interesados poden inscribirse nas oficinas de Asuntos Sociais ou chamando ao 981 762 465.

Finalmente, en Outes o Concello ofertará o espectáculo Igualdade onde estás? da ilusionista Fany Triana, destinado ao alumnado do colexio da vila. A actuación desenvolverase na casa da cultura o próximo día 15 de marzo.