El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Noia repartirá 19 galardóns no concurso París-Dakar

Celébrase o 8 de marzo e, na súa trixésimo quinta edición, entregará 8.000 € en premios

ESPERANZA POUSO. NOIA   | 20.02.2019 
A- A+

O Rally París-Dakar de Noia, un dos pratos fortes do entroido na comarca, chega este ano a súa XXXV edición e repartirá 8.000 euros en dezanove premios diferentes.

As persoas participantes no concurso de disfraces individual competirán por dous premios de 200 e 100 euros, que serán de 300 e 200 € no caso do concurso por parellas. Na categoría de comparsas establécense catro premios de 500, 400, 300 e 200 euros; mentres que na de grupos haberá cinco galardóns de 2.000, 1.300, 900, 500 e 300 €. A maiores, o Concello de Noia establece un premio especial á simpatía de 300 euros e cinco mencións especiais, de 100 cada unha.

O concelleiro de Cultura, José Pérez, explicou que "todas as persoas que participen no concurso deberán tomar parte no desfile polas rúas de Noia, que sairá ás nove da noite do Malecón de San Lázaro e finalizará na explanada do paseo marítimo, percorrendo as rúas Carreiriña, Porta da Vila, Rosalía de Castro, Calvario, Francisco Romero Blanco e Antón Avilés de Taramancos".

O Rally París-Dakar poñerá o broche de ouro o entroido de Noia, xa que se celebrará o venres 8 de marzo. As inscricións poden formalizarse na primeira planta da casa consistorial ata as 13.00 horas do día da celebración.

CONCURSO INFANTIL. O outro concurso do entroido noiés, o desfile infantil, terá lugar o sábado día 2 de marzo no pavillón Agustín Mourís ás 17.30 horas. O Concello establece tres categorías: individual, parellas e grupos, que se repartirán un total de 1.850 euros en premios.

"O xurado valorará a vistosidade, orixinalidade, elaboración, maquillaxe, simpatía e posta en escena para a concesión dos premios. Ademais, cada neno e nena que participe no concurso recibirá un agasallo", apuntou José Pérez. O prazo de inscricións estará aberto ata as 13.00 horas do venres 1 de marzo.

Nos dous certámenes, o xurado estará formado por un representante da Corporación municipal que exercerá como presidente; un traballador do Concello como secretario; e tres vogais, que serán persoas relacionadas co mundo cultural, da moda ou gañadores dos concursos en anos anteriores.