El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Nova edición do programa de reforzo nos institutos

Impartiranse clases de letras e ciencias no centro amiense e no de Milladoiro

A.P.   | 29.01.2019 
A- A+

A concellaría de Mocidade, a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), organiza unha nova edición do programa de reforzo educativo nos institutos do Concello de Ames. Esta iniciativa, que está dirixida ao alumnado de 1º e 2º de ESO, desenvolverase os mércores no IES do Milladoiro e os xoves no IES de Ames, en horario de 16.30 a 18.30 horas. Impartiranse clases de letras ou ciencias.

Os alumnos interesados aínda están a tempo de anotarse, aínda que as clases no IES de Milladoiro xa comezaron. Con estas clases preténdese, explican dende o Concello, fomentar a comprensión das ideas adquiridas nos centros educativos de secundaria a través da práctica dos contidos traballados na aula. As actividades de reforzo foron ideadas para completar lagoas de coñecemento, repasar contidos concretos traballados en clase ou, naqueles casos nos que os alumnos ou alumnas o requiran, facilitar a recuperación de destrezas instrumentais básicas que dificultan ou mesmo imposibilitan ao alumnado atender o desenvolvemento ordinario das clases nos institutos.

Os que estén interesados en solicitar algunha das prazas vacantes deben cubrir as follas de inscrición, dispoñibles na web municipal, e entregalas na secretaría do centro educativo.