El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Nova embarcación en Ribeira para o Servizo de Gardacostas

Quintana visitou a 'Punta Falcoeiro', que se suma a dúas novas xa operativas en Vigo e Celeiro e a dúas en construción // A Xunta impulsa con seis millóns a modernización de medios de vixilancia, salvamento e loita contra a contaminación no mar

FOTO: Xunta de Galicia
FOTO: Xunta de Galicia

VÍCTOR FURELOS   | 15.01.2020 
A- A+

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, puxo de relevo onte en Ribeira a importancia do Servizo de Gardacostas de Galicia e a firme aposta da Xunta para blindar este servizo e melloralo. Neste sentido, a titular de dito departamento expuxo que nos orzamentos deste ano soben en máis dun 50% os fondos destinados á compra e modernización de embarcacións deste servizo ata superar os seis millóns de euros.

Así o explicou durante a visita á patrulleira Punta Falcoeiro, unha das cinco embarcacións previstas no proceso de renovación parcial da frota do Servizo de Gardacostas de Galicia.

Ten base no municipio ribeirense, conta cunha eslora de 17 metros, unha manga de cinco metros e un calado de 0,85 metros. Ademais, entre as súas prestacións está a de acadar os 36 nós de velocidade máxima.

Con ela, según lembrou a representante autonómica, son tres as patrulleiras lixeiras que xa foron entregadas aos gardacostas, pois súmase á Punta Promontoiro, con base en Celeiro, e á Punta da Guía, con base en Vigo. Ademais, durante a visita na que estivo acompañada do subdirector xeral do servizo, Lino Sexto, Rosa Quintana lembrou que hai unha cuarta embarcación deste tipo que está en construción e que terá base na Coruña.

Estas catro patrulleiras lixeiras, subliñou, supuxeron un investimento de máis de 3,5 millóns de euros e son aptas para realizar tarefas de inspección e vixilancia pesqueira, control e apoio á frota, colaboración en operacións de busca e salvamento marítimo e participación en actividades de loita contra a contaminación mariña. Por outra banda, a estas súmanse unha patrulleira de altura que está en construción e que substituirá á Paio Gómez Chariño.

Con este plan de renovación parcial da frota de Gardacostas, o Executivo galego busca mellorar a loita contra o furtivismo, así como optimizar as operacións de rescate e salvamento e avanzar na loita contra a contaminación mariña.

A conselleira do Mar tamén lembrou que esta modernización da frota compleméntase coa mellora dos medios terrestres e a ampliación do cadro de persoal do organismo autonómico, que incorporou máis de 40 profesionais nos últimos anos para labores de inspección veterinaria e de loita contra o furtivismo.

 


SENSIBILIZACIÓN. Do mesmo xeito, compleméntase con diversas accións de sensibilización social, como por exemplo a campaña Non sexas pirata! Á praia vense a gozar, non saquear, desenvolvida nos veráns de 2018 e 2019 para concienciar a bañistas e turistas sobre a importancia do marisqueo e do dano que se lle fai se se extrae marisco de xeito ilegal das praias.

{ COUSAS DO DEMO }

Patrulleiras para esto?

é unha vergoña que teñan que existir as patrulleiras. Quen queimaría a súa casa ou a empresa na que traballa? Quedaría na rúa. Destruiría o seu presente e tamén faría dano á súa familia. Pero si hai xente que contamina o mar ou que pesca con artes asesinas que arrasan alá por donde pasan. Tanto un, o que contamina, como o outro, o furtivo, están a destruír a súa casa e unha das maiores empresas deste noso país. E nin se poñen colorados. Tanto lle ten. Por culpa deles teñen que existir as patrulleiras. Salvan vidas cando algún mariñeiro ou algún bañista está en apuros e tamén axudan a que a vida de todos sexa mellor mirando por un dos nosos maiores tesouros: o mar.

A PROTAGONISTA

Rosa Quintana

Conselleira do Mar o ano pasado requisaron 45.500 quilos de capturas dos furtivos

Todas as accións que onte foi enumerando a conselleira do Mar están destinadas a impulsar o labor nos distintos eidos que abarca o Servizo de Gardacostas. Incidiu Rosa Quintana nunha das súas competencias e que ten unha gran importancia: a loita contra o furtivismo que tanto está a castigar as nosas costas. Neste ámbito, e a falta de pechar os datos, o balance provisional do exercicio de 2019 en Galicia reflicte que o ano pasado os gardacostas requisaron arredor de 27.000 útiles en posesión dos pescadores furtivos e máis de 45.500 quilos de distintas especies, tanto de peixe como de marisco, capturados de xeito ilegal, con artes prohibidas ou ben por persoas que carecían dos permisos que son obrigatorios para poder faenar.