El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Novos desfibriladores en Ames para pór en marcha o plan de cardioprotección

Instaláronse un total de catro, tres en centros deportivos e outro na Policía Local

A.P.   | 29.11.2018 
A- A+

O Concello Ames iniciou un plan de cardioprotección coa instalación de catro novos desfibriladores. Os dispositivos están situados en instalacións deportivas, como o campo de fútbol do Milladoiro e de Bertamiráns, e no pavillón e casa de cultura do Milladoiro, e o cuarto estará a disposición da Policía Local para poder acudir ante unha parada cardíaca de forma móbil.

Coa instalación do desfibrilador DOC, o proceso de atención ante unha parada cardíaca axilízase, xa que o propio desfibrilador incorpora un dispositivo conectado 24 horas con telecontrol, teleasistencia, chamada preferente ao 112 e xeolocalización.

Todo este proxecto levouse a cabo coa empresa B+ Safe, líder en cardioprotección de espazos en España que ademais, incluíu a formación en RCP/SVB (Resucitación Cardiopulmonar/Soporte Vital Básico) e uso do DESA (desfibrilador semiautomático), así como charlas sobre a cardioprotección ao resto dos veciños.

Con esta iniciativa, Ames convértese nun dos poucos municipios que conta cun servizo integral de cardioprotección intelixente. "O sistema monitoriza o equipo, asegurando o seu correcto funcionamento no caso de que sexa necesario, ademais de ofrecer un servizo de teleasistencia que guía ao usuario na maneira de proceder se se produce un accidente cardíaco", indicou Javier Maeztu, director de relacións institucionais de B+ Safe. "Saber como realizar unha RCP e contar cun desfibrilador pode ser a diferenza entre a vida e a morte", engadiu.

Á presentación acudiron varios representantes dos clubs deportivos de Ames, así como monitores das escolas deportivas municipais. O goberno levou a cabo unha programación de formación o ano pasado no que o persoal coñeceu o uso e técnicas.