El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Obradoiros e xogos para que os pequenos coñezan a vida dos pazos nas Torres do Allo

P. R. MACEIRAS   | 14.08.2019 
A- A+

Zas. A través de diferentes obradoiros, unha visita guiada e un xogo de pistas, os máis pequenos poderán descubrir hoxe nas Torres do Allo como era a vida nos pazos galegos.

Con tal fin, a Concellería de Cultura de Zas organiza unha nova actividade bautizada co nome Un día nas Torres do Allo. Será unha xornada de lecer dirixida a nenos e nenas de 4 a 12 anos, que se desenvolverá entre as 10.00 e as 14.00 horas. A actividade é de balde e baixo previa inscrición.

Con esta iniciativa, o Concello zaense retoma a programación de verán despois dunha intensa Semana Cultural coincidindo coa celebración da Festa da Carballeira. O pasado día 9 arrincou unha nova edición de Os venres a pé, que inclúe dúas novas rutas os días 16 e 23 de agosto.

Son percorridos de dificultade baixa e aptos para nenos e nenas maiores de 7 anos e para todos aqueles adultos que queiran camiñar. O punto de saída e chegada é en todos os casos a praza do Concello, e os interesados en participar deben anotarse previamente chamando aos números 981 751 398 ou 981 718 056. A inscrición é de balde, e recoméndase levar merenda.