El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Once caixas tras o Divino Nazareno

Milleiros de fieis ateigaron a travesía da Pobra na procesión das mortaxas // Hoxe pechará a festa a Panorama

A imaxe do Nazareno foi acompañada por miles de fieis durante a procesión - FOTO: ECG
Ver galería
A imaxe do Nazareno foi acompañada por miles de fieis durante a procesión - FOTO: ECG

REDACCIÓN  | 16.09.2019 
A- A+

Milleiros de persoas participaron onte na Pobra do Caramiñal na tradicional procesión das mortaxas (declarada de Interés Turístico de Galicia), no día grande das Festas do Nazareno. Este ano desfilaron detrás da imaxe nove féretros de adultos e dous infantís portados por persoas ofrecidas ó santo tras superar unha enfermidade ou salvar a vida. É o número de caixas máis importante da última década aínda que lonxe do récord absoluto no desfile que congreghou dezasete féretros.

A comitiva relixiosa saíu ás dez e media da mañá da igrexa de Santiago do Deán para atravesar o casco histórico pola rúa Cardenal Patiño e percorrer a de Díaz de Rábago. Unha vez rematada, oficiouse unha misa cantada.

Entre as autoridades asistentes atopábanse o alcalde, Lois Piñeiro, quen acompañou o desfile relixioso que presidía o obispo auxiliar, Jesús Fernández.

Acompañaron á procesión a Banda do Ateneo Musical da Pobra e os grupos de gaitas A Carballeira, Xiada e O Son do Pote.

Pola noite actuaron na verbena da Praza Maior as orquestras Compostela e Nevada poñendo un toque musical moi animado.

Hoxe luns, dende as 11.00 os máis pequenos poderán desfrutar co gran parque infantil Pueblalandia, no que haberá multitude de actividades e xogos. Ás 12.30, a Banda de Gaitas Os Chaneiros ofrecerá un concerto.

Pola noite, ás 21.00 percorrerá as rúas a charanga NBA e, a partir das dez e media, o broche ás celebracións vaino poñer a orquestra Panorama coa súa actuación. Á medianoite será a espectacular sesión de fogos artificiais no paseo da praia do Areal.