Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Outes amplía o programa de conciliación do Concello

    A Corporación outense vén de aprobar, de forma inicial, o regulamento e a ordenanza do Outes Concilia, un servizo co que o executivo local pretende integrar e ampliar os programas de conciliación que presta o Concello. Así, créase o servizo de madrugadores e esténdese o horario do resto dos xa existentes.

    Segundo explicaron dende a alcaldía, o Outes Concilia "ten a función de coidado e atención de carácter lúdico, social e educativo, que o Concello lles ofrece ás familias do municipio con necesidade de compaxinar a vida familiar e laboral". Está dirixido a rapaces de entre 3 e 12 anos de idade, agás para os campamentos de verán, que estará comprendida entre 3 e 16 anos. Abarca dous períodos: o lectivo, que inclúe o servizo de madrugadores e as tardes divertidas, e o non lectivo, xa que se realizarán actividades durante as vacacións de Nadal, Entroido e Semana Santa e o campamento de verán, que se desenvolverá dende o remate do curso escolar até o inicio do seguinte.

    O custo anual previsto para tal fin superará os 83.000 euros, dos cales o Concello achegará con recursos propios uns 50.000 € (un 60%), os usuarios aportarán un 26% e, o resto, será financiado cunha achega da Xunta. O goberno local apuntou que as melloras dos servizos fai necesario establecer uns prezos públicos que, en calquera caso, "son moi moderados e acordes á realidade socioeconómica do noso municipio", indicaron.

    02 dic 2019 / 21:18
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito