El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Paco Roncero, pregoeiro na Festa do Melindre

Con dúas estrelas Michelin, ofrecerá tamén un showcooking doce // O evento terá lugar en Melide os días 11 e 12 de maio

A Casa Tahona e o pte. da Asoc. Melide Terra Doce xunto a Dalia García e Benito Nebril (centro) - FOTO: Fernando Blanco
A Casa Tahona e o pte. da Asoc. Melide Terra Doce xunto a Dalia García e Benito Nebril (centro) - FOTO: Fernando Blanco

ALBA PRADA MELIDE   | 26.04.2019 
A- A+

Declarada no 2013 Festa de Interese Turístico, a do Melindre é un das citas gastronómicas máis importantes da comarca e tamén unha das de maior proxección de toda Galicia.

O evento adoita acoller múltiples actividades, pero o obxectivo principal é a exaltación dos doces tradicionais da zona: o rico, o melindre e o amendoado; e tamén das casas reposteiras que levan anos elaborándoos de xeito artesanal: Estilo, Melchora, Tahona, Trisquel, Toques e Tarrío.

Onte presentábase en Santiago a programación do festexo melidense, que se celebrará a fin de semana do 11 e 12 de maio. A alcaldesa, Dalia García, comezaba desvelando o pregoeiro desta edición número 28: o chef Paco Roncero. Con dúas estrelas Michelin, é un dos máximos representantes da vangarda culinaria española dentro e fóra das nosas fronteiras. Conta ademais con prestixiosos premios como o Chef L' Avenir 2005 e o Premio Nacional de Gastronomía 2006. É tamén un rostro televisivo, posto que foi presentador dúas tempadas do programa Top Chef xunto a Alberto Chicote e Susi Díaz.

Roncero vai ofrecer o sábado 11, ás 19.30 horas na Viñoteca Ribeirao, un showcooking doce. A entrada será de balde e hai que inscribirse unha hora antes no baixo da Casa do Concello. A primeira xornada da festa estará marcada tamén polas actuacións musicais, ás 10.00 horas na Praza do Convento, de Claudio Spadi, La penúltima e Gin Toni's.

O domingo será a xornada forte, co pregón ás 12.30 e a entrega dos títulos de nomeamento de embaixadores da celebración. Dalia García descubría onte os nomes dos oito galardoados este ano: o actor Marcos Pereiro, a reposteira e instagramer Isabel Pérez de Aliter Dulcia, o triatleta Uxío Abuín, o xornalista Jorge Guitián; a directiva de Aceites Abril Elena Pérez, os chefs María Varea e Miguel Ángel Liboreiro e o director do CIFP Carlos Oroza, Manuel Hermo. Non faltarán a música e as actuacións.

Por certo que ata o 3 de maio os principais cafés históricos de Galicia ofrecerán os característicos doces xunto ao café.