El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Petiscos con queixo de Arzúa en 21 locais da vila

Mañá arranca a programación da festa co certame de tapas // Hoxe na Efa Piñeiral haberá unha masterclass de cociña

Obradoiro de cociña para os pequenos da edición do ano pasado.  - FOTO: F.F.Q.
Obradoiro de cociña para os pequenos da edición do ano pasado. - FOTO: F.F.Q.

A. PRADA   | 27.02.2020 
A- A+

Coa idea de potenciar e poñer en valor os recursos do territorio, nacía hai 45 anos a Festa do Queixo de Arzúa, e hoxe converteuse nun dos eventos gastronómicos máis importantes de Galicia. A cita chega xa esta fin de semana, aínda que nos días previos estiveron e estanse a facer actividades arredor do produto estrela. Hoxe mesmo a partir das 18.00 horas haberá unha masterclass de cociña persoal e de produto, da man dos chefs da Horta do Obradoiro, Kike Piñeiro e Eloy Cancela.

Mañá arrancará a programación da fin de semana coa décimo terceira edición do concurso de tapas e petiscos, organizado polo Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Arzúa-Ulloa. De 18.00 a 23.30 poderanse degustar nun total de 21 establecementos de hostalería os petiscos, nos que por suposto, o queixo será o gran protagonista.

Xa o sábado 29 será o día no que se den cita os expositores no recinto feiral. Serán un total de 78, e entre les haberá 55 queixerías, chegadas de toda Galicia e tamén de Francia, Italia, Asturias, Aragón, Baleares, León, a Mancha ou Extremadura. Este día, sobre as 12.30, a recentemente premiada co Goya a actriz revelación, Benedicta Sánchez, será a encargada de pronunciar o pregón. Tamén se nomearán aos arzuáns do ano, que este ano serán a actriz Lydia Veiga; o xornalista Fran Cañotas; o astrofísico, Damián García; Radio Arzúa; Rondalla Moraima; a Aula de Adultos do Concello, e as queixerías Barral e Galmesano.

Por suposto, a música terá gran protagonismo. Non faltará a animación de rúas co grupo de gaitas Castro Curbín, Fol da Chousa e Fondaos do Pífaro, e coa Charanga Santa Compaña. Os concertos chegarán á noite da man dos gañadores do Queixo Maquetón, El Capitán Elefante; Tequila, Novedades Carminha e Ladilla Rusa.

Xa o domingo, de novo abriranse as portas do recinto feiral para acoller os stands e de novo os concertos acapararán protagonismo na xornada. Actuarán Mj Pérez na sesión vermú, e pola tarde Luar na Lubre e Baiuca. Por suposto ambos días os máis pequenos desfrutarán tamén do festexo con actividades pensadas para eles. Co Festival Pequequeixo poderán asistir a un concerto punk infantil e ao espectáculo teatral Barquiño de Pau. Haberá tamén obradoiros de queixo e o torneo Chessand Cheese Arzúa.

MEDIOAMBIENTE

Dende o Concello avisan a todos os que se acheguen a Arzúa esta fin de semana de que hai que divertirse con conciencia, respetando á contorna. Por iso haberá papeleiras e colectores no exterior e interior do recinto, e aseos públicos. Ademais, por primeira vez, no evento empregaranse vasos biodegradables. Haberá tamén un punto violeta de atención contra a violencia de xénero.