Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Pídenlle ao Estado que asuma as obras para a ampliación da depuradora da Silvouta

    Ames. Os temores do grupo municipal popular de Ames vanse confirmando a medida que se ten coñecemento das partidas dos Orzamentos do Goberno socialista, que manifestan diversos interrogantes en relación a determinadas infraestruturas. Unha delas é a depuradora da Silvouta, que recibe tan só 65.000 €, o que, para o PP, demostra que "o proxecto pode ir para largo" e que o Sar continuará con altos niveis de contaminación ao seu paso por Ames, alomenos sete anos máis.

    E é que, segundo se publicou, o novo proxecto de ampliación non comezará, previsiblemente, ata 2022, estando prevista a entrada en funcionamento da nova planta, como moi cedo, para 2025.

    A escasa inversión estatal nesta infraestrutura, unida á posible perda de parte dos fondos europeos, supón realmente un problema que pode traducirse nun indesexable retraso da futura depuradora, a pesar de estar declarada como de Interese Xeral do Estado en Galicia, e a pesares de que o cambio ao novo proxecto da Silvouta foi aceptado pola Dirección Xeral de Augas, dependente do Ministerio de Transición Ecolóxica.

    "Con todas estas evidencias, o alcalde de Santiago xa manifestou que a partida destinada está asegurada. Evidentemente, o grupo popular de Ames mantén serias dúbidas sobre as manifestacións de Martiño Noriega, cuxa actitude irresponsable está a perxudicar gravemente o entorno medioambiental do Sar ó seu paso por Ames", sinalan dende o PP.

    Os populares de Ames consideran necesario obter do Estado o compromiso de que a obra sexa realizada, para o que presentaron unha proposta que será debatida no vindeiro pleno municipal para solicitar ao Goberno de España que o Estado asuma, sen demora, o compromiso de financiar as obras de ampliación da depuradora de Silvouta, cubrindo o propio Estado a parte económica que non se poida financiar cos fondos europeos perdidos.

    Por outra banda, tamén solicitan que a Xunta manteña o seu compromiso de asumir o 20% do custo que supón a inversión necesaria na ampliación da citada depuradora.

    29 ene 2019 / 21:42
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito