El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

O Pino recibe de Ana Rosa Lista un cadro moi especial

A artista amesá agasallará ao municipio coa obra feita en encaixe 'O gaiteiro de Arca', de Luis Seoane // Está feita con liño galego e tardou tres meses en rematala // Poderá verse a exposición na casa da cultura ata o vindeiro día 9

Pola esqda., Taboada, Eva Varela e Ana Rosa Lista - FOTO: C.P.
Pola esqda., Taboada, Eva Varela e Ana Rosa Lista - FOTO: C.P.

ANA LÓPEZ  | 03.12.2019 
A- A+

"Levo cinco anos dando clases de palillos no Pino, e dende o primeiro día que entrei" na casa de cultura de Arca "chiscábame o ollo. Heite pintar, díxenlle". Ana Rosa Lista Sebe, artista amesá que se converteu nun referente do encaixe galego, tardou tres meses en facer O gaiteiro de Arca, unha das obra de Luis Seoane reproducidas con encaixe que forman parte da exposición que se pode ver ata o 9 de decembro. E a continuación soltou a sorpresa: "Despois de que a mostra visite Ames e a Exposición Internacional de Encaixe de Barcelona, quero que esta obra fique aquí, no Concello do Pino".

Coa exposición que inauguraron o alcalde, Manuel Taboada, e a propia artista, a concellaría de Cultura queríalle render unha homenaxe a Ana Rosa Lista, "por todo o traballo que levas facendo no Pino dende que empezaches a dar clases de palillos e bordado no 2014", explicou a concelleira Eva Varela ao tempo que lle entregaba un ramo de flores. A autora da mostra quérelle dar un "aire fresco ao encaixe" na súa obra, e por iso introduce a cor nesta exposición. Onte recordaba como despois desa primeira atracción púxose a traballar neste cadro "primeiro debuxando e despois palillando, utilizando sempre liño galego". Para incluír os tres elementos da gaita galega que figuran no cadro "falei cun veciño, que mos fixo en madeira". Despois de "tres meses de traballo" para rematar o cadro, Ana Rosa meteuse a fondo na obra e vida de Luis Seoane, fillo predilecto do Pino dende o ano 2008.

E comezou a traballar nesta colección que conta con 16 cadros, un deles está no Instituto Luis Seoane de Pontevedra e os demais pódense ver esta semana en Arca­. O polifacético galeguista "deixoume expresar todo o que eu quería nesta colección", dixo Ana Rosa, natural de Ames. "Algúns dos temas recórdanme cousas da miña nenez, hai obras que significan algo para min, como o peregrino, a pomba, o mariñeiro, as mulleres". Durante tres anos, esta artista estivo completando a exposición, con cadros pintados por ela mesma e logo completados con encaixe de diferentes cores "para conseguir unha semellanza perfecta coa obra orixinal de Luis Seoane", como recoñecían algúns dos asistentes á inauguración. A exposición completa viuse por primeira vez no mes de abril na Palillada de Pontevedra e, ata o vindeiro 9 de decembro, pode admirarse na casa da cultura do Pino.

As obras de Luis Seoane feitas con encaixe forman parte da segunda colección de Ana Rosa Lista. Antes estivo dous anos traballando nunha sobre o Camiño de Santiago, coa que foi finalista no XI Certame de Artesanía Antonio Fraguas que promove a Deputación da Coruña, que se puido ver na Mostra Internacional de Peniche (Portugal).

Ana Rosa Lista, que xa foi premiada polos seus deseños na Mostra do Encaixe de Camariñas, insístelle máis dunha vez ás súas alumnas que "co encaixe pódese facer arte" e conseguiu que o vexan "doutra maneira". De feito, na exposición tamén se poden observar obras feitas polas asistentes aos cursos do Pino.

Ademais de palillar dun xeito excelente, Ana Rosa tamén pinta, debuxa e fai patrón. "Son deseñadora e iso permíteme abordar e adaptar calquera tipo de traballo ou patrón". Na exposición hai un traxe feito por ela mesma e tamén o escudo do Concello do Pino, debuxado primeiro pola artista e logo feito en encaixe. Unha das alumnas animouse a reproducir outro escudo do concello. "O encaixe non é complicado. Hai que ter paciencia e escoitar, porque os palillos dinche cousas. É como un quebracabezas que tes que ir encaixando peza a peza", di esta muller que aprendeu a palillar con Carmen Puga Blanco, que viaxou ata Arca para asistir á inauguración da exposición. "Carmen foi quen me ensinou a palillar, hai máis de 25 anos. Con ela aprendín a facer as primeiras follas", dixo Ana Rosa Lista.

 


MOSTRA O FIN DO CAMIÑO. Explicar as motivacións e o que senten os peregrinos é o obxectivo que persegue a mostra O fin do Camiño, promovida polo colectivo Egeria e que, despois de exporse en Santiago, estará na casa de cultura do Pino ata o 3 de decembro trala apertura por parte do alcalde, Manuel Taboada, e o presidente de Egeria, Xulio Xiz.

"Quen fai o Camiño ten un motivo externo e outro interno, e ao rematar o seu peregrinar dase conta de que remata unha etapa importante da súa vida", explicaba Xulio Xiz durante o acto de inauguración.

A mostra está composta por 10 paneis con fotos e textos en galego, castelán e inglés, nos que se fai alusión, entre outros, a temas como O motor da fe, Hai máis de mil anos ou Cara a unha terra de brumas e luz. No panel que dá nome a exposición exprésase que "os Camiños que conducen a Compostela teñan unha fin física" delimitada, pois todos acaban diante da tumba do Apóstolo Santiago, para rematar asegurando que nese punto "remata o Camiño físico, o esforzo, o sacrificio. E aquí empeza todo. A fin do Camiño física é o comezo dunha vida diferente".

 


DEGUSTACIÓN. Con caldo, pan e viño... faise o Camiño é o lema que figuraba na cunca de barro coa que se puido degustar caldo de galiña piñeira na xornada de degustación gratuíta celebrada na casa de cultura de Arca dentro dos 'Itinerarios gastronómicos do Camiño Francés' que promove a Mancomunidade de Concellos Galegos. Nesta ocasión, o restaurante Regueiro de Arca tamén preparou galo con patacas, que puideron degustar os asistentes as dúas exposicións na casa da cultura de Arca.