El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

A Pobra expón a escultura usada en teatros lusos para unha obra de Valle-Inclán

'Cabeza de Jandolo', feita por RuiAnahory, pode verse este mes no museo municipal

Cabeza do Jandolo - FOTO: C.P.
Cabeza do Jandolo - FOTO: C.P.

SUSO SOUTO  | 15.03.2019 
A- A+

A Pobra. O Museo Valle-Inclán da Pobra expón durante este mes unha peza escultórica executada nun efectista estilo naturalista polo artista plástico RuiAnahory para usar como atrezzo teatral nas representacións de A cabeça do Baptista, obra de dito autor arousán, traducida ó portugués por António Pescada.

Foi utilizada na tempada 2010/11 pola Compañía de Teatro de Braga nun espectáculo con dramaturxia contemporánea de Manuel Guede Oliva, quen daquela era o director do Centro Dramático Galego.

Tras a súa estrea no Teatro Circo de Braga, posteriormente tivo lugar unha exitosa xira polas principais salas de Portugal.

En canto ás características da escultura, "resulta evidente a filiación da testa con deseños tomados de efectos do cinema e o seu empeño por servir de reclamo para un público impresionable. Correspóndese co personaxe dramatizado en La cabeza del Bautista (1927), un dos cinco esperpentos que compoñen o Retablo de la avaricia, la lujuria y la muerte valleinclaniano", sinala o director do centro museístico pobrense, Antonio González.

Denomínase Cabeza do Jandolo, é de plástico policromado e mide 25 centímetros de alto, por 17 de ancho e 21,5 de fondo.

Poderá contemplarse ata finais deste mes, de martes a sábado, de 11.00 a 13.00 e de 17.00 a 19.00 horas.