El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Ponte en Tordoia para evitar inundacións do río Pedrouzo

A Deputación vén de licitar esta obra por un importe de máis de medio millón de euros // Fíxose un estudo hidrolóxico que determinou a necesidade de demoler a estrutura actual // A obra non afectará á circulación

Plano da futura nova ponte sobre o río Pedrouzo, no Concello de Tordoia - FOTO: ECG
Plano da futura nova ponte sobre o río Pedrouzo, no Concello de Tordoia - FOTO: ECG

C. ESTÉVEZ   | 18.07.2019 
A- A+

A Deputación da Coruña vén de publicar na Plataforma de Contratación do Estado a licitación pública das obras de construción dunha nova ponte sobre o río Pedrouzo, no PK 3+000 da estrada provincial DP 8401 de Tablilla a Agrodomestre por Pontepedra, no termo municipal de Tordoia. O importe de licitación ascende a 577.370,97 euros, aos que hai que sumar os 50.000 € que se destinarán ás expropiacións necesarias para levar a cabo todos estes traballos.

Segundo explicou o deputado responsable da área de Vías e Obras, José Manuel Pequeño Castro, tendo en conta as sucesivas inundacións que se producen na zona nas épocas de choivas abundantes, a Deputación da Coruña encargou un estudo hidrolóxico da conca do río Pedrouzo que determinou a necesidade de demoler a estrutura actual e executar unha nova con maior sección para un correcto desagüe.

O novo viaducto contará cun marco de formigón armado de dimensións 6x 3,50 metros, que será enterrado 0,50 metros no terreo, seguindo as indicacións técnicas de Augas de Galicia. O marco rematará en aletas que soportarán as terras do terraplén para minimizar as perdas hidráulicas. Así, ademais dunha maior capacidade de desagüe, a pasarela contará cunha plataforma de 10,5 metros, integrada por dous carrís de circulación de 3,50 metros de ancho, arcéns laterais dun metro e bermas de 0,75 con defensas e medidas para mellorar a integración paisaxística de dita estrutura.

O novo firme estará composto por unha capa de 5 cm de mestura bituminosa en quente e rego para mellorar a adherencia dos vehículos. O proxecto inclúe ademáis a execución dunha obra de drenaxe para o desvío temporal do cauce do río Pedrouzo durante a execución dos traballos, o que permitirá realizar as obras cunha afección mínima sobre o tráfico, sen necesidade de desvíos provisionais.

 


MELLORAS EN ORDES O departamento provincial de Vías e Obras publicou tamén onte na Plataforma de Contratación do Estado as obras de rehabilitación estrutural e mellora do firme da estrada DP 2405, entre os puntos quilométricos 6+000 e 6+600, no

Concello de Ordes, que suporán un investimento total de 117.105,28 euros.

As execucións incluirán a demolición de 1.440 metros ca- drados do firme actual, que se atopa seriamente danado, o fresado e excavación de saneo cun metro de profundidade e o recheo posterior con zahorra e tres capas de MBC.

Ademais, os traballos supoñen a substitución da tubería de PVC para a recollida de pluvais do tramo e a renovación da sinalización horizontal e vertical desta vía do municipio de Ordes.

{ A OLLADA }

Calidade no rural

galicia é unha comunidade na que son frecuentes as chuvias, e como tal, todos os concellos deben estar preparados para facerlle fronte. Un estudo hidrolóxico posto en marcha pola Deputación concluíu que era necesaria unha nova estrutura sobre o río Pedrouzo que tivese unha maior sección para aguantar as augas torrenciais e que non se producisen inundacións. A xenerosa achega do ente provincial vai permitir acabar cos desbordamentos que se producen na zona e, por conseguinte, aumentar a seguridade do tráfico. Non se pode menos que aplaudir estas axudas que melloran a calidade de vida dos veciños do rural.

 

O PROTAGONISTA

José Manuel Pequeño

Responsable de Vías e Obras

"MELLORARÁN A SEGURIDADE DO TRÁFICO"

O deputado responsable da área de Vías e Obras explicou que estes traballos "suporán tamén unha mellora do trazado da estrada na zona do cruce do río, xa que se eliminarán a curva e contracurva existentes, sustituíndoas por

unha soa aliñación en curva de maior radio que as actuais". Ademais José Manuel Pequeño quixo suliñar que as obras "non só contribuirán a que non se produzan máis inundacións, senón que mellorarán notablemente a seguridade do tráfico". O deputado recalcou asemade que o proxecto vai ter unha afección mínima sobre os condutores, pois non serán necesarios desvíos provisionais, indicou.