Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Premian a escolares de Val do Dubra e Costa da Morte

Alumnos dos colexios de Bembibre, Ponte do Porto e Cangas gañaron o concurso da Real Academia Galega con tres iniciativas divulgativas sobre Antonio Fraguas // O CRA de Ponteceso fíxose co Premio Huertos Educativos

Os colexios de Ponte do Porto (Camariñas) e de Bembibre (Val do Dubra), xunto co CEIP San Roque de Darbo (Cangas), son os gañadores do terceiro concurso Contádenos o voso Día das Letras Galegas, convocado por la Real Academia Galega (RAG) e dirixido aos centros educativos de infantil e primaria. Presentaron tres iniciativas que, segundo o xurado, achegaron de maneira activa e orixinal o universo vital e intelectual de Antonio Fraguas, protagonisa do Día das Letras Galegas 2019, a alumnos e alumnas de distintas idades.

No caso do CEIP da Ponte do Porto, ademais de celebraren un festival, emularon as súas investigacións etnográficas recollendo nun libro exemplos do patrimonio inmaterial da súa contorna. Baixo o título O noso patrimonio, xuntaron na súa obra información detallada sobre a feira da Ponte do Porto; o río Grande; Camelle; o Cemiterio dos Ingleses; o folclore tradicional coma o Jolpe de mar e A danza dos arcos; comidas típicas: a Faguía de Carnés, a sardiñada de Santa Mariña ou o caldo de riola da Ponte; as festas de San Cristovo de Carnés, o Espíritu Santo de Camelle e o Carme de Camariñas; os oficios antigos; refráns; cantigas; lendas e historias relacionadas co encaixe de bolillos, entre outras.

Ademais da devandita obra tamén crearon un mural; organizaron un festival no que houbo lecturas dos traballos, actuacións musicais e bailaron a danza dos arcos. Tambén elaboraron unha árbore das letras, unha exposición de libros e representaron a obra de teatro O concurso das letras.

Pola súa banda, os nenos e nenas do CPI de Bembibre profundaron no perfil de Antonio Fraguas a través dunha obra de teatro, e os escolares do CEIP San Roque de Darbo viron premiada unha regueifa sobre o intelectual homenaxeado pola RAG.

Nesta terceira edición participaron máis de 80 centros educativos de Galicia con propostas moi variadas. O concurso forma parte do proxecto Primavera das Letras, co que a RAG fornece a comunidade educativa de infantil e primaria de material lúdico e didáctico arredor da vida e da obra da figura recoñecida cada 17 de maio. O certame pretende dar a coñecer como celebrou o Día das Letras Galegas o alumnado de menor idade e premiar a implicación dos colexios na divulgación da lingua e a cultura.

A entrega dos premios, consistentes nun lote de libros para cada centro, terá lugar o día 15 de outubro nun acto que se celebrará na sede da Real Academia Galega.

NOSA SEÑORA DO FARO. Pola súa banda, o CRA Nosa Señora do Faro, de Ponteceso, vén de gañar o Premio Huertos Educativos Ecológicos na categoría infantil. O certame, de ámbito nacional, é unha iniciativa da Asociación Vida Sana e da Fundación Triodos, que ten como finalidade distinguir os proxectos que destacan polo uso do horto e da natureza como instrumento de transmisión de coñecementos, valores, arte social e agricultura. O galardón está dotado con 1.000 euros e material para o horto ecolóxico. O acto de entrega será o 22 de novembro en Las Rozas (Madrid).

08 oct 2019 / 20:43
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito