El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Primeiro paso do GDR para impulsar ecocomedores en colexios de Costa da Morte

Xuntaron en Baio a representantes dos centros, Anpas e produtores locais // Xa funcionan na zona de Betanzos

Reunión en Baio para crear ecocomedores na Costa da Morte - FOTO: GDR
Reunión en Baio para crear ecocomedores na Costa da Morte - FOTO: GDR

JOSÉ M. RAMOS BAIO   | 09.11.2019 
A- A+

A Asociación Costa da Morte-GDR xuntou en Baio (Zas) a máis de cincuenta persoas, entre representantes de once colexios, asociacións de nais e pais e produtores locais de hortalizas, carne, leite e peixe, para dar o primeiro paso de cara a crear ecocomedores nos colexios da zona.

Un servizo que, aseguran, permitiría introducir nos comedores escolares produtos de calidade e de temporada producidos no territorio e tamén axudaría a incentivar a economía local. Para expoñer como están funcionando os ecocomedores na zona das Mariñas Betanzos foron convidados á xuntanza Beatriz Ferreira, directora da EIM A Caracola; Miguel Fernández, técnico do GDR de Mariñas Betanzos, e varios produtores pertencentes a Asociación de Labregos Ecolóxicos de Galicia (Alega). Estiveron acompañados polos directivos do GDR Costa da Morte, Manuel Muíño (presidente), José Manuel López (secretario), Luis García (tesoureiro) e técnicos.

Para o proceso de articulación e de creación de circuitos cortos "sería necesaria unha fase previa para identificar as expectativas de todos os actores que poden e queren participar (produtores, equipos de cociña, familias, profesorado e dirección das escolas) así como ter un espazo para que todos eles se poidan coñecer e intercambiar opinións, realidades e necesidades de todas as partes", sinalaron dende o GDR.

rema suma once novos museos

•••Pola súa banda, a Rede de Espazos Museísticos Atlánticos (REMA), impulsada polos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP), incorporará 11 museos (dez galegos e un de Asturias). Dous deles están en Camariñas: o Museo do Encaixe e o Museo da Conserva de Industrias Cerdeimar. Adheríronse tamén o Aquarium Finisterrae, a Aula da Natureza de Cabo Udra, o Ceida, o Centro de Interpretación do Litoral de Bueu, o Museo da Construcción Naval (Fundación Exponav), o Museo do Mar da Guarda, o Océano Surf Museo e a Sala Museo Municipal de Riveira, ademais do Museo Marítimo de Asturias. Con estas incorporacións a rede acada 27 membros: 25 espazos galegos, un museo asturiano e outro portugués. A rede REMA é un dos eixos vertebradores de Morada Atlántica, un proxecto colaborativo que inclúe entre os seus socios aos oito GALP de Galicia, oito de Portugal, tres de Andalucía e un de Canarias. Contan coa financiación do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.