El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

'Quérome libre' activa en Lalín a loita contra a violencia

Emprega as novas tecnoloxías e vai dirixida á mocidade de entre 14 e 24 anos // A iniciativa implica a estudantes dos IES Laxeiro e Ramón Aller e ó equipo do CIM

Estudantes e técnicos promotores da nova campaña activada en Lalín - FOTO: C. L.
Estudantes e técnicos promotores da nova campaña activada en Lalín - FOTO: C. L.

MARÍA RENDUELES LALÍN   | 12.06.2019 
A- A+

Lalín pon en marcha unha nova campaña contra a violencia machista, Quérome libre, apoiándose no marco do Pacto de Estado contra esta lacra. O acordo implicou a asunción de competencias sobre violencia de xénero polos concellos e a regulación da distribución de pequenos fondos de cara á detección precoz dos primeiros sinais sobre a mesma para poder previla e para evitar que se agraven determinadas condutas de control, de falta de respecto, de illamento, de humillación e de agresión.

En base a esas premisas, o Concello lalinense elaborou un programa educativo e de sensibilización social empregando tecnoloxías da información e da comunicación RTIC a través das plataformas dixitais e outros medios gráficos tendo como público obxectivo prioritario á mocidade lalinense de entre 14 e 24 anos, polo uso masivo e preferente que neste grupo de idade se fai das mesmas.

Abordará as violencias por razón de xénero mediante mensaxes positivas e adaptadas ás necesidades da xuventude, implicando a mozas e mozos, estudantes dos institutos Laxeiro e Ramón Aller, que xunto ao equipo técnico da Oficina de Igualdade e do Centro de Información ás Mulleres e á empresa creativa No Major Films, participaron no seu deseño e posterior promoción e difusión.

"TRÁTASE DE GUIALOS". "Non só se trata de achegarlles a violencia sexista como un problema sobre o que deban reflexionar, senón de guialos para que, sobre os seus propios pasos, sexan eles e elas quenes se acheguen ao problema e busquen solucións", din os promotores da iniciativa.

A innovadora actividade está focalizada no rexeitamento á violencia e aos maltratadores que a exercen, e presentará valores de mulleres fortes, libres e empoderadas, sen recorrer aos clásicos clichés das vítimas, que podemos ver aínda noutras campañas.