El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Remata o Vedra de Tapas e arranca o concurso fotográfico nas redes

A máis votada gaña vinte petiscos e dez consumicións no local gañador

Unha das fotos que participan con concurso - FOTO: C.V.
Unha das fotos que participan con concurso - FOTO: C.V.

J.P.   | 15.10.2019 
A- A+

O pasado domingo remataba en Vedra o concurso gastronómico de tapas, que se desenvolveu no municipio durante os días 4, 5, 6, 11, 12 e 13 deste mes. Participaron un total de dez establecementos da comarca, que ofreceron elaborados petiscos a un prezo de dous euros e de 3,50 si se acompañaban dunha copa de albariño.

Foron moitos os veciños e visitantes que se achegaron ata Vedra para degustar as elaboracións e, de paso, participar no sorteo de agasallos que van dende lotes de produtos locais, ata tarxetas regalo, ceas ou escapadas termais. As tapas, que foron todo un éxito, eran do máis variadas: luriña ao Pedro Ximénez, cazola de xarrete asado, fabas con ameixas e polbo, fricasé de polo, faixiña picante con piña, croca con salsa de froitos vermellos ou potaxe de garavanzos con bacallau.

Agora que remata o Vedra de Tapas, comeza o concurso fotográfico. Onte subíanse ao Facebook do Concello todas as fotos participantes e a que máis "me gustas" acumule gañará un premio composto por vinte tapas e dez consumicións no establecemento que resulte gañador. O prazo para votar remata mañá e nelas móstranse a varios amigos comendo as tapas nos locais participantes.