El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Remedios Fernández gañou o Illas Sisargas coa obra "Peixes que esvaraban ao unísono"

M. R. L.   | 03.12.2019 
A- A+

A Cea das Letras celebrada esta fin de semana en Seaia (Malpica) serviu de marco para a entrega do premio do XIV Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas, que recaeu este ano na obra Peixes que esvaraban ao unísono, da poeta Remedios Fernández Romero. O seu poemario contén, segundo o xurado, "unha visión plural do amor, apoiada na ambigüidade dun eu poético que consegue sobordar o tópico da parella de namorados para ofrecer interpretacións poliédricas e desinhibidas da paixón".

O xurado estivo formado pola poeta Tamara Andrés, Mario Regueira (gañador do certame de 2018) e a concelleira de Cultura de Malpica, Leticia Varela. O alcalde, Walter Pardo, foi o encargado de entregar o premio, que se verá complementado coa publicación da obra o vindeiro ano. Nesta edición presentáronse un total de 33 obras, o que supón unha cifra récord de participación no certame que organiza a Asociación Cultural Caldeirón coa colaboración do Concello malpicán.

Ademais de gozar dunha velada moi poética, os asistentes á Cea das Letras foron agasallados co libro Marco Livorno, a obra gañadora do pasado ano.