El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Ribeira impartirá cursos de hixiene alimentaria e de carretilleiro

S. S.   | 07.12.2018 
A- A+

Ribeira. Co fin de axudar a mellorar a empregabilidade das persoas de Ribeira, a concellería de Promoción e Dinamización Económica do Concello volve poñer en marcha dous cursos gratuítos con gran demanda por parte das persoas que queren insertarse laboralmente nas empresas da comarca do Barbanza.

Un deles é un curso de hixiene alimentaria e manipulación de alimentos, de tres horas de duración, que se impartirá na aula de formación do viveiro de empresas do Concello, ubicado na zona da Fieiteira, así como a parte teórica do curso de operador/a de carretillas elevadoras, de catro horas de duración. Este último complementarase con seis horas de clases prácticas.

As persoas que estén interesadas en participar nestas dúas accións formativas deberán presentar a correspondente solicitude, xunto coa copia do DNI/NIE e volante de empadroamento nas dependencias do Servizo de Orientación Laboral do Concello de Ribeira. Para o curso de carretilleiro é necesario ter, como mínimo, dezaoito anos.

Hai un total de dezaoito prazas dispoñibles para o curso de manipulación de alimentos e outras dez para o de carretilleiro/a.

En canto ao proceso de selección dos alumnos, realizarase por sorteo público no caso de que o número de solicitudes supere ao de prazas. Dito sorteo celebraríase o vindeiro mércores día doce deste mes de decembro ás 12.00 horas no viveiro de empresas e terían prioridade absoluta as persoas empadroadas no Concello de Ribeira.

Polo que respecta á inscrición, farase os días dez e once de decembro, en horario de 13.00 a 15.00 horas, tamén no viveiro de empresas. En caso de presentarse noutro horario, as persoas deberán esperar a ser atendidas.