El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Rosalía salta á Rede e a súa ruta busca o interese cultural

Técnicos e edís de Ames, Padrón, Brión e Santiago avanzaron na creación dunha web sobre o itinerario polos lugares claves da vida da poetisa // O vindeiro día 24 conmemoran o seu nacemento con caldo e café polos locais amesáns

Participantes nunha anterior visita á casa de Ortoño, ao fondo, onde a poetisa residiu de nena - FOTO: C.A.
Participantes nunha anterior visita á casa de Ortoño, ao fondo, onde a poetisa residiu de nena - FOTO: C.A.

M. OUTEIRO  | 18.02.2019 
A- A+

O impulso á ruta rosaliana As pegadas de Rosalía gaña enteiros tras acordar técnicos e concelleiros de Ames, Padrón, Brión e Santiago n­unha reunión pechar o expediente de solicitude para declarar esta ruta como ben de interese cultural. E, do mesmo xeito, avanzaron na creación d­unha páxina web propia e perfilouse a programación para o primeiro semestre do presente ano, sen esquecer a promoción acadada en Fitur.

Trátase dun itinerario circular que parte da praza de Vigo, en Santiago de Compostela, e chega ao Panteón de Galegos Ilustres, despois de percorrer lugares vinculados á vida da poetisa como San Xoán de Ortoño, a igrexa de Bastavales, en Brión, ou a colexiata de Iria Flavia, en Padrón.

A concelleira amesá de Promoción Económica e Turismo, Isabel González, destaca que "con esta nova ruta na que levamos traballando dende o pasado ano, o que pretendemos é achegar e dar a coñecer a vida e obra desta muller excepcional a toda a poboación dos concellos por onde discorre, pero tamén aquelas outras persoas que nos visitan dende puntos máis afastados. O principal obxectivo é que coñezan os lugares emblemáticos da súa vida e legado literario, visitando os concellos polos que discorre dita ruta", lembran.

Nesa recente reunión, celebrada no consistorio amesán entre os representantes e técnicos dos departamentos de Turismo dos concellos de Ames, Brión, Padrón e Santiago pormenorizáronse algunhas das medidas destinadas a impulsar a Ruta Rosaliana, que percorre os lugares máis emblemáticos que xalonaron a experiencia vital da cantora do Sar, a escritora máis representativa da nosa terra. Na xuntanza, por parte do Concello de Ames, participaron a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Isabel González, e a técnica municipal de Turismo, Sonia Moure.

E, entre os temas tratados, destacou o citado peche do expediente de solicitude para declarar esta ruta como ben de interese cultural, que quedou preparado para o seu envío á Dirección Xeral de Patrimonio, departamento encargado da pro­tección, conservación e recuperación dese patrimonio, que constitúen os bens materiais e inmateriais. Asemade, os representantes dos catro concellos avanzaron durante o encontro a entrada na internet desa ruta, coa creación dunha páxina web propia, así como na programación dunha serie de actividades e eventos de cara ao primeiro semestre deste ano.

Con motivo da celebración do Día de Rosalía o vindeiro 24 de febreiro, no que se conmemora o aniversario do nacemento da poetisa, volverán a realizarse as iniciativas Café con verso, na que os cafés en Ames irán acompañados dunha tarxeta cos seu versos, e Caldo de Gloria, ao abeiro da que unha serie de locais adheridos servirán tapas de caldo sobre manteis explicativos desta receita a partir do coñecido poema Miña casiña, meu lar. Por outra banda, en marzo está previsto o evento Rosalías da Vida, que buscará reivindicar a súa figura como muller forte e loitadora. A programación continuará en maio, cunha nova saída.