El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Semana Verde acollerá en xuño aos mellores porcos celtas

Tamén participarán na feira os produtores máis hábiles no manexo destes animais

A gañadora do ano pasado, Raquel Méndez, coa súa porca ‘Mora’ - FOTO: ECG
A gañadora do ano pasado, Raquel Méndez, coa súa porca ‘Mora’ - FOTO: ECG

SOL ELVIRA SILLEDA   | 22.05.2019 
A- A+

A Feira Internacional Semana Verde de Galicia, a cal se celebrará do 6 ao 9 de xuño no recinto Feira Internacional de Galicia Abanca, é o evento escollido pola Asociación de Criadores de Raza Porcina Celta (Asoporcel) para celebrar dous dos seus concursos máis relevantes.

Tras o gran éxito da pasada edición, o domingo 9 de xuño levarase a cabo o II Concurso Nacional de Manexo da Raza Porco Celta. Este, que conta ata o momento con oito gandeiros inscritos doutros tantos concellos, consiste en dirixir un exemplar de porco celta por un determinado percorrido no menor tempo posible, podendo tocalo pero sen golpealo, e pasando por distintos espazos, como unha zona que simula unha manga ou entre dúas vallas facendo zig zag. Ao final da proba, o produtor tentará subir o animal a un remolque, se ben non se descualifica se non o consegue. Na súa primeira edición a vencedora foi Raquel Méndez, de Rubiá (Ourense), quen gañou coa súa porca Mora.

Así mesmo, esta raza protagonizará o terceiro Concurso Morfolóxico celebrado no certame, no que participarán sobre 70 exemplares de 30 ganderías pertencentes a máis de 20 concellos das catro provincias galegas. Competirán machos, femias e animais de recría. Na pasada convocatoria na categoría de machos venceu un porco de Carmen Novío Tuña, de Outes (A Coruña), mentres que en recría o primeiro clasificado foi un exemplar de Isabel Rodríguez Hermida, de Lalín.

PHOTOCALL

Esta raza autóctona galega en perigo de extinción contará tamén cunha ampla exposición de animais na que ademais dos participantes no morfolóxico, se mostrarán exemplares do rabaño que o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde) ten na finca de Armariz (Nogueira de Ramuín). Ademais, os organizadores incluirán como novidade nesta edición da feira a instalación dun photocall de Porco Celta que permitirá ao público asistente facerse simpáticas fotografías. Por outra banda, no Salón de Alimentación do Atlántico (Salimat Abanca) participarán cinco operadores autorizados no uso do logotipo 100% Raza Autóctona Celta.