El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Silleda contará cun viveiro de empresas a finais de outubro

É o único municipio pontevedrés ao que a Xunta lle aprobou esta subvención // Terá un orzamento de 240.000 euros

Recreación de como será o futuro viveiro de empresas de Silleda, sito no polígono industrial Área 33 - FOTO: ECG
Recreación de como será o futuro viveiro de empresas de Silleda, sito no polígono industrial Área 33 - FOTO: ECG

CLAUDINA ESTÉVEZ   | 16.04.2019 
A- A+

O polígono industrial Área 33 de Silleda contará antes de que remate o ano co ansiado viveiro de empresas na parcela de titularidade municipal. Así o acaba de comunicar a Xunta de Galicia, que outorgará ao proxecto o máximo subvencionable, 240.000 euros. Trátase do único municipio de Pontevedra das nove iniciativas aprobadas. Feito que según o alcalde Rafael Cuiña "demostra que as cousas se fixeron ben".

O rexedor amosaba a súa satisfacción por esta achega "que nos permitirá continuar mellorando o polígono industrial como xa vimos facendo nos últimos anos a través das liñas de subvención da Administración autonómica, e que virá a dar resposta a unha das grandes demandas do colectivo de empresarios".

Cuiña confirmou que a obra se executará, a pesar de que os prazos son axustados, posto que deberá estar finalizada a finais de outubro. "Demostramos coa execución doutras como a Rede de Calor, -sendo os únicos que nos atrevemos a materializar proxectos desa convocatoria en Galicia- que estamos en disposición de asumilo", engadiu.

O plan presentado polo Concello conta cun edificio na parcela municipal situada xunto á rotonda do parque, que se levantará integrándose coa actual nave municipal, sita nesta parcela. Este novo edificio serviría como sede para novas empresas tecnolóxicas ou de servizos, permitindo a persoas emprendedoras a posibilidade de contar cun espazo de traballo. Do mesmo xeito, tamén se plantexa como lugar de encontro e reunión entre distintos profesionais.

Contémplase unha estrutura de planta baixa, en forma de L, e adxacente á nave que xa existe na parcela municipal, xunto á glorieta do parque empresarial. "Plantéxase a construcción dunha estrutura modular que permitiría, se fose necesario, ir ampliando o inmoble para acoller novos servizos", indicou o alcalde.

"A día de hoxe en Silleda contamos cun polígono no que afortunadamente case a práctica totalidade das naves están ocupadas", indicou, resaltando que a actividade industrial da vila "non só se recuperou senón que se está afianzando, con novos plans empresariais que crean postos de traballo e que atraen poboación ao noso municipio", engadiu. Cuiña quixo agradecerlle á Xunta toda a colaboración amosada nos últimos anos a través das liñas de axuda da Consellería de Economía, Emprego e Industria.