El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Silleda premia campañas a prol do empadroamento

O prazo para presentarse ao certame Nas festas somos máis abriu o pasado 2 de xaneiro e seguirá vixente ata o próximo día 15 // Repartiranse 3.000 euros entre os tres grupos que realicen os mellores proxectos

Fotografía da reunión mantida entre varios dos compoñentes da organización do certame en busca do fomento do empadroamento ‘Nas festas somos máis’ no Concello de Silleda. - FOTO: C.S.
Fotografía da reunión mantida entre varios dos compoñentes da organización do certame en busca do fomento do empadroamento ‘Nas festas somos máis’ no Concello de Silleda. - FOTO: C.S.

RITA BLANCO GONZÁLEZ  | 13.01.2019 
A- A+

Silleda. O concurso creado polo Concello de Silleda, Nas festas somos máis, xa dispón de prazo aberto para a presentación dos traballos que formarán parte da súa terceira edición.A iniciativa, que está enmarcada dentro da campaña co lema En Silleda somos máis, eque existe desde o ano 2017, busca premiar a organización de festas que propicien o empadroamento no municipio.

O certame, aínda que foi concebido como recurso para favorecer o número de inscripcións no censo do municipio, tamén ten como obxectivo promover a súa riqueza turística e paisaxística. "Con esta iniciativa tratamos ademais de fomentar unha maior participación das asociacións que organizan as moitas festas que celebramos en Silleda", salientou o alcalde, Manuel Cuiña.

Entre os tres gañadores repartiranse 3.000 euros en premios (1.500 ao primeiro, 1.000 ao segundo e 500 ao terceiro) que irán destinados a subvencionar os custes da festa ou evento que concorra ao certamen. Polo tanto, o galardón non poderá empregarse para outros actos que, sen estar relacionados con Nas festas somos máis, a comisión ou organización gañadora poida realizar.

Do mesmo xeito que nas dúas edicións anteriores, poderán participar todos os colectivos ou asociacións legalmente constituidas que sexan organizadoras de festas patronais ou gastronómicas de Silleda e que presenten a súa proposta no rexistro municipal entre o 2 e o 15 deste mes.

Con todo, poderán competir neste certame municipal todas aquelas campañas que, atendendo aos obxectivos do concurso, fosen organizadas entre o 1 de xaneiro de 2018 e o pasado 31 de decembro.

Cada organización deberá presentar unha memoria que especifique as actividades de promoción da festa na que se abarquen aspectos de fomento do empadroamento en Silleda, promoción dos grupos culturais e musicais locais ou calquera outra que se estime oportuna engadir.

A temática dos traballos presentados a concurso só poderá xirar en torno á promoción do Concello de Silleda e o fomento do empadroamento, entendendo, segundo as bases do concurso, o traballo participante como a totalidade da campaña promocional da festa, así como as accións de promoción que se leven a cabo durante o evento en cuestión.

Os proxectos valoraranse en función de criterios como a súa orixinalidade e calidade, a duración da campaña promocional previa á celebración, o número de posibles destinatarios que acade ou o impacto que supoña tanto no propio municipio como fóra del. Asimesmo, á hora de elixir gañador terase en conta que o proxecto inclúa a contratación musical ou outro tipo de animacións por parte de grupos ou empresas que teñan a súa sede en Silleda.

Respecto a isto, o alcalde afirmou que "deste xeito tamén estamos a contribuir á promoción dos nosos grupos e, en definitiva, a dinamización de Silleda".









Galiofer es un portal de ofertas y descuentos en Galicia. Las mejores ofertas en Salud y Belleza, Hogar, Regalos, Restaurantes, Escapadas...