Domingo 20.10.2019 Actualizado 00:18
Google    

El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Sobrevoan o rural d’O Son drons que recollerán datos do territorio

Analizaron a vexetación destas zonas para a xestión da biomasa nas franxas próximas ás vivendas // O director xeral de Defensa do Monte supervisou os traballos // Limparanse máis de 315 hectáreas neste municipio

O director xeral, esquerda, comprobando o funcionamento dos drons antes do seu despegue - FOTO: X.G.
O director xeral, esquerda, comprobando o funcionamento dos drons antes do seu despegue - FOTO: X.G.

MARÍA CANO  | 12.07.2019 
A- A+

Os drons sobrevoaron onte o rural do municipio sonense, coa finalidade de estudar e coñecer de forma máis áxil o estado da vexetación en cada unha das parcelas. Trátase do análise previo para a planificación dos traballos de limpeza que se realizarán nas faixas secundarias grazas ao sistema público de xestión de biomasa creado a través do convenio de protección das aldeas que foi asinado entre a Consellería do Medio Rural, Seaga e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Por medio deste sistema, só en Porto do Son limparanse máis de 315 hectáreas nas catro parroquias priorizadas deste concello: Baroña, Caamaño, Ribasieira e Xuño.

Ata o municipio achegouse o director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto, para supervisar os labores de replanteo, quen aproveitou a visita para animar aos veciños propietarios dos terreos dos núcleos priorizados a adherirse a este convenio que lles ofrece a posibilidade de ter limpas as súas propiedades dentro das franxas dos 50 metros próximos aos núcleos de poboación a un prezo máis axustado e vantaxoso co prezo de mercado pola execución destes traballos, a 35 euros cada mil metros cadrados.

Neste sentido, o representante da Xunta garantiu, tamén, que aquelas parcelas de particulares que non se unan ao plan non quedarán sen limpar, senón que se actuará de xeito subsidiario, polo que será a Administración a que actúe e trasladaráselle o custo ao dono a prezos xerais de mercado. Ademais, recordou que existe “o compromiso de ter esas parcelas rozadas e acondicionadas”.

Así mesmo, o responsable de Defensa do Monte lembrou que xa hai 204 concellos galegos adheridos a este sistema de xestión de biomasa. En virtude deste acordo, a Xunta, en colaboración con Seaga e a Fegamp, actuará para previr incendios en setenta parroquias de trinta e cinco municipios da comunidade autónoma no período 2019-2022 mediante a xestión da biomasa nas faixas secundarias.

Nun primeiro momento foron 68 as parroquias priorizadas, pero na última xuntanza da comisión de seguimento do convenio, celebrada a finais de xuño, decidiuse incorporar automaticamente as que sufriran unha Situación 2, o que propiciou a entrada na lista das de Leiro e Isorna, en Rianxo.

Nestas actuacións teñen prioridade aquelas áreas con maior problemática incendiaria, que foron escollidas consonte a uns criterios obxectivos relacionados coa virulencia dos lumes, coa superficie afectada, co risco de ocorrencia de incendios e cos medios e a planificación adoptada para facerlles fronte. Así, está previsto actuar nunhas 4.500 hectáreas este ano, ata chegar a unhas 16.000 ao remate do período. Na provincia son catorce as parroquias seleccionadas, pertencentes aos concellos de Carballo, A Coruña, Teo, Boiro, Lousame, Rianxo e O Son, estes catro últimos na comarca do Barbanza.

OBLIGATORIO A LIMPEZA DAS FAIXAS

ELIMINACIÓN DE ESPECIES Onte o director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto, afirmou que “o compromiso de todas as administracións firmantes do convenio é que o cen por cen das faixas dos terrreos secundarios estean a finais de ano absolutamente limpos dacordo coas prescricións da lei que se refiren a unha xestión da biomasa nunha franxa de 50 metros” ao redor dos núcleos de poboación rural, ao prezo máis axustado.

Por outra banda, o representante da Xunta de Galicia comentou que unha das finalidades destes traballos é “a eliminación das especies que a lei non permite que estén neses ámbitos”. Por iso a iniciativa inclúe tamén “a eliminación das distintas especies de pinos, eucaliptos ou as acacias”, sinalou.

O protagonista

Tomás Fernández Director xeral   “Avalían a situación nas faixas”

O director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto, desprazouse ata o municipio sonense para comprobar de primeira manun dos traballos “que se están realizando en toda Galicia,  a avaliación da situación da biomasa no entorno das parroquias priorizadas”. Explicou que se realiza a través de drons “que non é que tomen uns vídeos para que vexamos dende o aire como está a vexetación, senón que mediante un sistema líder o que fan é avaliar a situación da mesma nas faixas. De maneira que aí se ve a altura e a composición da vexetación e podemos comprobar que parcelas están xa limpas, cales non o están e que inversión fai falta en cada unha delas”, puntualizou.