El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Sons de tres países na vinte e dúas edición do Xiria Pop

Celébrase o venres e o sábado na sala Dublín de Carballo // Rockfiles, La Granja e a banda xaponesa Gutara Kyo encabezan o cartel // Complementa a cita musical a presentación do libro de poemas 'Mudanza' de Xurxo Chapela

Xabier Graña, esquerda, e Evencio Ferrero - FOTO: Concello Carballo
Xabier Graña, esquerda, e Evencio Ferrero - FOTO: Concello Carballo

JOSÉ MANUEL RAMOS  | 11.09.2019 
A- A+

Este venres e sábado (días 13 e 14) volve a Carballo o festival independente Xiria Pop, que chega a súa 22 edición consolidado como un referente en Galicia dos encontros musicais de pequeno formato. Este ano, pola sala Dublín pasarán sete bandas que traerán á capital de Bergantiños sons británicos, xaponeses e de diferentes puntos de España, o que refrenda a calidade do festival.

Rockfiles, a banda liderada polo británico Billy Bremmer (guitarrista dos míticos Rockpile); os mallorquinos La Granja e Gutara Kyo, o primeiro grupo xaponés en subirse ao escenario da sala Dublín, encabezan o cartel, no que figura tamén a banda viguesa Basanta, que vén de recibir o galardón ao mellor disco do Estado nos Premios PopEye. Surfin Burritos, de Barcelona; Superser, de Cedeira e La Secta, de Bilbao, completan a programación.

Desfrutar de tan variada oferta musical terá un custe de 10 euros a entrada diaria, cifra que se verá rebaixada a 15 € para quenes opten polos abonos para as dúas sesións.

Como complemento aos concertos musicais, no salón do Casino de Carballo terá lugar o venres, día 13 ás 20.30 horas, a presentación do libro de poemas Mudanza, do carballés Xurxo Chapela.

De todo elo deu boa conta onte o fundador e organizador do festival desde a súa primeira edición, Xabier Graña, quen estivo acompañado polo alcalde de Carballo, Evencio Ferrero.

Graña asegurou que serán os vigueses Basanta quenes abran o Xiria Pop 2019, un grupo que xa tiñan contratado hai meses, antes de que fosen galardoados no marco dos Premios Nacionais da Música e as Artes, "e estamos encantados, porque é publicidade a maiores para o festival". Logo será o turno de Surfin Burritos, "unha banda de músicos xa veteranos", engadíu, á que seguirán os británicos Billy Bremner's Rockfiles, que "farán un repaso completo dun disco histórico no rock and roll, Seconds of Pleasure, dos Rockpile, combo mítico no que Bremner coincidiu con algunhas das grandes estrelas da guitarra de todas as épocas, como Dave Edmunds e Nick Lowe". Pechará a noite do venres La Granja, "que poucas presentacións precisan", afirmou o organizador, "pois son un grupo mítico español de finais dos 80, principios dos 90, con moito tirón".

O sábado empezarán tocando os Superser, de Cedira, "unha banda de músicos novos pero que xa levan tempo pateando os escenarios e festivais", e seguiranlle La Secta, "un grupo fantástico, que no seu momento non tivo moita sona, eran máis de culto, pero que ultimamente están tendo máis repercusión", sinalou Xabier Graña. E porán o peche ao festival os nipóns Gutara Kyo, "que van dar varios concertos por Europa porque os chamamos do Xiria Pop e, ao final, conseguiron montarlles unha xira. Creo que van ser unha das sensacións desta edición; se non cae a Dublín desta, xa non cae máis", concluíu o promotor do festival, quen agradeceu moito a colaboración do Concello de Carballo.

O alcalde, Evencio Ferrero, sinalou que "sempre apostamos pola cultura e pola xente con capacidade creativa e para comprometerse, e o Xiria Pop é un claro exemplo dese compromiso".