El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Teatro social que convidará a reflexionar dende o FIOT

Do 27 de setembro ao 1 de novembro Carballo será a capital das artes escénicas // Acollerá 38 espectáculos, 9 deles estreas absolutas e 8 en Galicia // Carmen Maura, Companhia do Chapitô e Jauría serán os pratos fortes

Sutil, esquerda, con Alberto Sueiro, Evencio Ferrero, Xosé Regueira e Luciano Calvo no FIOT - FOTO: C.C.
Sutil, esquerda, con Alberto Sueiro, Evencio Ferrero, Xosé Regueira e Luciano Calvo no FIOT - FOTO: C.C.

JOSÉ M. RAMOS  | 12.09.2019 
A- A+

Carballo converterase, do 27 de setembro ao 1 de novembro, na capital galega das artes escénicas con motivo do 28 Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT), que achegará á capital de Bergantiños 38 espectáculos, dos cales nove serán estreas absolutas e oito en Galicia.

Carmen Maura, Teatro Kamikaze, Cándido Pazó, Quico Cadaval, Tito Asorey, Carolina Román, Álvaro Tato ou a Companhia do Chapitô formarán parte dunha edición que amosará ao público o máis relevante da escena galega e estatal contemporánea, ademais de propostas internacionais chegadas de países como Portugal e Israel.

Este ano o festival sitúa o foco sobre o teatro social, "co obxectivo de poñer en valor a capacidade das artes e da cultura para xerar reflexión e conversa sobre o mundo actual e a realidade líquida na que vivimos", aseguran dende a Asociación Cultural Telón e Aparte, organizadora do FIOT, xunto co Concello de Carballo. Nesta edición subirán ao escenario a individuos e colectivos "que a sociedade mantén nas marxes, nas periferias, a quen nega a súa identidade e o espazo que lles corresponde", engaden. A muller e a mocidade repiten como protagonistas dun cartel que ten, como paisaxe, a exclusión social, as violencias, a identidade e a loita coa ruptura de lindes inxustamente marcados".

As propostas máis singulares e vangardistas chegarán da man dos ciclos Microescenas Metro Cadrado e OTNI, que ten no israelí Kulu Orr e na peza A.K.A. (Also Know As) dúas propostas destacadas, mentres que a programación xuvenil fioTEEN acollerá a estrea en Galicia da gañadora do Premio Max ao mellor espectáculo xuvenil: Dados, de Padilla e Ventrículo Veloz.

Carlos Blanco e Rodrigo Cuevas serán protagonistas da irreverente programación da Rúa dos Contos, o ciclo de narración oral que encherá de humor e ironía os locais de hostalería e o mercado local con máis dunha ducia de espectáculos. Unha ampla programación que se pode consultar ao detalle en www.fiot.gal. Para gozar do teatro en vivo, mañá, día 13, sairán á venda os abonos do programa de sala, e a partir do día 20 poderanse mercar individualmente as entradas.

XOGRAR. Unha das accións máis coñecidas do FIOT é o nomeamento honorífico do Xograr de Outono, un galardón que se concede a personalidades ou entidades que destacan pola súa promoción e desenvolvemento do teatro en Galicia. Este ano o recoñecemento recae na actriz Patricia de Lorenzo, membro de Chévere. Tamén renderán homenaxe a Celso Parada, recentemente falecido, quen tamén foi Xograr de Outono. Farano cunha exposición que percorre os trinta anos de Teatro do Morcego a través de pezas históricas de vestiario, escenografía ou dramaturxia.

O festival foi presentado onte nun acto, no que participaron o alcalde carballés, Evencio Ferrero; o director do Agadic, Jacobo Sutil; e o presidente da Asociación Cultural Telón e Aparte, Alberto Sueiro, entre outros. Sutil expresou que a Consellería de Cultura "atopa sempre no FIOT un destino altamente rendible á hora de optimizar os recursos públicos". Este ano obtivo 50.000 euros.