El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Os técnicos do ámbito social solicitan máis equipamentos

A Deputación reforzou as axudas a concellos de Bergantiños para a atención no fogar

Reunión en Cabana con técnicos dos concellos e de entidades do ámbito social - FOTO: D.C.
Reunión en Cabana con técnicos dos concellos e de entidades do ámbito social - FOTO: D.C.

JOSÉ M. RAMOS. CABANA   | 12.10.2018 
A- A+

O persoal técnico dos concellos e representantes de entidades do ámbito social da comarca de Bergantiños trasladaron á deputada provincial de Servizos Sociais, Ánxela Franco, as súas principais preocupacións nunha xuntanza celebrada en Cabana. Entre elas atópanse a insuficiencia dos equipamentos para atender ás persoas dependentes e discapacitadas.

Tamén cuestionaron o excesivo peso do traballo burocrático que deben asumir os equipos municipais de benestar para tramitar dependencia ou rendas de inserción, que lles impide facer traballo prevención ou de carácter comunitario. Lamentaron o excesivo tempo para a tramitación das dependencias e discapacidades, que segundo diferentes declaracións poden roldar entre os 8 e os 18 meses. Unha situación que leva a que sexan os concellos os que, a través do servizo de axuda no fogar básico, estén a cubrir as excesivas demoras na valoración e posterior prestación do servizo a través da lei da dependencia.

A iso hai que engadir, segundo os técnicos de Bergantiños, o insuficiente servizo de transporte público, que complica aínda máis a situación, "contribuindo a xerar illamento e soidade entre as persoas máis necesitadas".

Ánxela Franco concordou na necesidade de implementar melloras nos servizos dos concellos xa que "son as áreas que máis próximas están das persoas e as que afectan ás que máis o necesitan en situacións moitas veces de urxencia", afirmou.

Más información en El Correo Gallego (edición papel) y en Orbyt