El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Tordoia ten indicios de que o Camiño Inglés pasa pola vila

Retomaron o estudo que lle encargaran hai dous anos a un historiador // A ruta sairía desde A Coruña e Ferrol // Hai unha semana peregrinaron ata Santiago, onde foron recibidos polo arcebispo monseñor Julián Barrio

O cura de Tordoia co alcalde e un grupo de veciños no momento en que chegaron a Santiago - FOTO: C. TORDOIA
O cura de Tordoia co alcalde e un grupo de veciños no momento en que chegaron a Santiago - FOTO: C. TORDOIA

ALBA PRADA   | 18.08.2019 
A- A+

Hai dous anos que o Concello de Tordoia, en colaboración cos de A Laracha, Arteixo, Trazo e Cerceda, encargou a un historiador un estudo sobre a posibilidade de que o Camiño Inglés pasase polo municipio. "A idea partiu dun profesor da Universidade de Santiago que mencionaba o asunto nun artigo", explicou o rexedor de Tordoia, Antonio Pereiro. A investigación estivo parada un tempo "pero agora queremos darlle pulo de novo", dixo Pereiro.

"Xa temos o informe" agora, indicou, e nel demóstranse indicios históricos "de que o Camiño orixinal Inglés pasaría por Tordoia". Unha das rutas partiría de A Coruña, pasando por Arteixo, A Laracha, Cerceda, Tordoia e Trazo; e entraría en Santiago pola Peregrina. "A outra vertente que se baralla sairía de Ferrol, pasando por Pontedeume, Betanzos, Abegondo e Cerceda. Con todo, a principal sería a que parte da Coruña", apuntou o alcalde.

Algunhas das pistas que desvelan a existencia deste roteiro serían por exemplo, segundo o rexedor, o nome da parroquia de Cabaleiros, "que se cre que é debido a un hospital de cabaleiros que había na zona". Ademais, engadiu Pereiro, hai moitos veciños que lembrar aos arrieiros.

Cando se puxo en marcha esta investigación hai dous anos, A Coruña e Santiago decidiron non implicarse, pero agora que se retoma, a situación podería cambiar. Antonio Pereiro asegurou que o vindeiro mes ten pendente reunirse coa alcaldesa da cidade herculina, posto que se teñen pistas de que "o Camiño sairía concretamente do Castro de Elviña". Queremos tamén "pornos en contacto co rexedor compostelán", aclarou a este xornal.

Lograr demostrar isto "suporía un gran impulso turístico para o municipio, e polo tanto, sería fundamental para a economía". Ademais, trátase dunha ruta, afirmou, de gran beleza, posto que pasa por moitos restos de castros ou antigos dólmens.

Para comezar a dar a coñecer este feito, o cura do concello, Manuel Chouciño, peregrinou a fin de semana pasada dende Ferrol. A el uníronse logo varios veciños e tamén o rexedor. O venres 9 chegaron á Peregrina e xa ao día seguinte entraron en Santiago. Alí foron recibidos polo arcebispo, monseñor Julián Barrio, a quen lle explicaron o estudo que están a desenvolver, e asistiron a unha misa en San Francisco.

A seguinte fase "será documentar ben toda a información e establecelo como unha Ruta máis", insistiu Pereiro. Asentar este proxecto suporía "un cambio drástico para Tordoia, porque implicaría que se puxeran en marcha novos negocios, facendo así crecer o municipio". O turismo é moi necesario "para a Galicia do interior e dende logo iniciativas deste tipo deberían sempre contar co respaldo das administracións", sentenciou.

{ A OLLADA }

Un impulso económico

o camiño de santiago é dende logo un importante motor financieiro para moitos dos concellos da contorna polos que pasa. A idea de que Tordoia se una á lista suporía un gran pulo turístico para o municipio, que revertiría nun destacado crecemento económico para un vila tan rural como esta. É de aplaudir o labor do Concello de retomar as investigacións para lograr confirmar un feito histórico que beneficiará moito aos veciños. Tamén é de valorar que se estean plantexando paralelamente iniciativas para atraer aos turistas, como a de facer actividades náuticas no embalse de Vilagudín. Como se soe dicir: renovarse ou morrer.

O PROTAGONISTA

Antonio Pereiro

Alcalde de Tordoia"QUEREMOS POTENCIAR O TURISMO"

Un dos principais obxectivos para esta lexislatura, comentou, é impulsar o turismo. "Unha das iniciativas que imos pór en marcha para o vindeiro verán será a de organizar actividades náuticas como Kayak ou paddle surf, no embalse de Vilagudín, que se atopa entre Tordoia e Ordes". Ademais outra proposta "que me ilusiona especialmente é o de recuperar a antiga vía do tren co proxecto Vía Verde, financiado pola Unión Europea, cunha axuda da Deputación", apuntou. Está orzamentado en 2.400.000 €, e "a previsión é que se licite en xaneiro e as obras queden listas para o Xacobeo". Isto permitirá "chegar a Santiago sen a molestia do tráfico".