El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Touro repartiu na casa da cultura os premios Alecrín

Entre os galardoados están A Banda de Música Isabel II e Benigno Pereira, o presidente de Queixerías Bama // O secretario xeral da Emigración agradeceu aos homenaxeados o labor de expandir a nosa tradición máis alá de Galicia

O alcalde de Touro, Ignacio Codesido, adicou unhas palabras a todos os premiados - FOTO: Concello de Touro
O alcalde de Touro, Ignacio Codesido, adicou unhas palabras a todos os premiados - FOTO: Concello de Touro

A. P.   | 13.08.2019 
A- A+

A Federación de Entidades Culturais Galegas en Cataluña (Fegalcat) vén de repartir na casa da cultura de Fonte Díaz, en Touro, os premios Alecrín 2019.

Entre os galardoados cóntanse A Banda de Música Isabel II de Touro, que recibiu o recoñecemento polo seu labor a prol da tradición musical de bandas, tan arraigada en Galicia. Tamén foi premiado o seu director, Ramón López Couso. Outros dos homenaxeados foron o adestrador de fútbol Fernando Vázquez, pola súa traxectoria deportiva, e o empresario de Bama, Benigno Pereira, fundador e presidente de Queixerías Bama, ao que se lle recoñeceu tamén a súa traxectoria como emprendedor e empresario de éxito.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, participou, xunto ao presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, no acto de entrega. Neste marco, Miranda agradeceu aos galardoados o seu traballo "para espallar a nosa lingua e tradición máis aló da nosa terra". O alcalde de Touro, Ignacio Codesido, dixo estar encantado de que o Concello fose escollido para a entrega destes galardóns, onde o municipio foi un dos principais protagonistas.

Entre os premiados desta edición tamén se atopa a pintora Maite Vázquez, que proxectou o seu traballo en América e Europa sen esquecer as súas orixes en Castro Caldelas, ou Mercedes Lindoso, emigrante lucense que levou o seu espírito emprendedor a Barcelona creando Reformas Carrete e Lista de Vodas Lindoso. "Estes premios, ademais de ser un gran recoñecemento do talento dentro e fóra de Galicia, son un claro exemplo da capacidade dos galegos", proseguiu Rodríguez Miranda, quen, neste contexto, destacou o labor das entidades galegas en Cataluña a prol da galeguidade, exemplificada nesta "xuntanza anual que nos lembra gran parte do que somos e do que podemos chegar a ser", dixo.

TOURO O municipio non só foi o encargado de acoller este ano a entrega dos premios Alecrín, senón que ademais foi protagonista grazas a varios galardoados. Por un lado, a Banda de Música Isabel II, unha asociación musical que naceu co obxectivo de formar unha escola e unha banda na que ensinar música e valores, tal e como explican dende a directiva. Dende a súa creación son varios os proxectos que teñen a súa cita anual inalterable: o festival de bandas, o concerto de Nadal, o das Letras Galegas, o de Santa Icía e as clases especializadas semanais.

Foi recoñecido tamén o fundador e presidente de Queixerías Bama, Benigno Pereira. Esta empresa é herdeira da tradición queixeira que existía na zona centro de Galicia, concretamente entre os ríos Ulla e Tambre. Os seus produtos estrela son o Arzúa-Ulloa D.O.P., o de tetilla D.O.P. e o fresco. Actualmente procesan 50.000 litros ao día e usan sempre, explican dende a empresa, leite da mellor calidade, adaptando os volumes en función da época do ano. Todo, din, nas mellores condicións.