El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Treixadura e Virandeira Folk abren o 27 o Naturfest de Rois

Ofrecen un concerto no campo da festa ás dez da noite // OCT Chorima, Grupo de Danzas de Leira e Os Trazantes de Cotobade actuarán pola tarde // O público poderá gozar na xornada da natureza cun trail, un xantar e xogos populares

O alcalde, Ramón Tojo, segundo pola dereita, na presentación do Naturfest 2019 - FOTO: C.R.
O alcalde, Ramón Tojo, segundo pola dereita, na presentación do Naturfest 2019 - FOTO: C.R.

S. E.  | 11.07.2019 
A- A+

Treixadura e Virandeira Folk, dous dos grupos de referencia na música tradicional galega, serán as principais atraccións na segunda edición do Festival Naturfest que se celebra no campo da festa de Rois o sábado 27 de xullo. Promovido polo Concello e o OCT Chorima, coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña, o certame “situa a Rois outra vez como lugar importante da comarca para a promoción cultural e poñer en valor o patrimonio artístico e cultural cun evento que sexa recoñecido más aló das nosas fronteiras”, explicou na presentación o alcalde de
Rois, Ramón Tojo.

A música galega será a gran protagonista dunha xornada na que terán cabida outras propostas para poñer en valor o noso territorio e o noso patrimonio. As Pandeireteiras de Ermedelo e as Repeniqueiras de Urdilde amenizarán aos asistentes antes de que comece o xantar popular. A partir das seis da tarde celébrase un festival folclórico no que participarán o Obradoiro de Cultura Tradicional Chorima, o Grupo de Danzas Asociación Cultural Leira de Ordes e a Asociación Cultural Os Trazantes de Tenorio, de Cotobade (Pontevedra).

A xornada comezará cun trail (10.00 horas) para gozar do entorno facendo deporte na natureza. Un xantar popular, xogos en familia, un taller de iniciación teatral impartido por María Ordóñez, de Talía Teatro, e unha xincana de xogos populares completarán a oferta lúdica. “Queremos manter o sentimento das vellas tradicións do pobo e dos seus costumes, como eran as festas e traballos comunais noutrora grandes motores das relacións sociais do noso entorno e que hoxe están totalmente extintos”, indicou Laura Ríos, membro de Chorima e da organización do festival.

PRESENTACIÓN O Festival Naturfest presentouse na Cidade da Cultura de Galicia coa asistencia de Ramón Tojo, Lucía Ríos, Chema Alonso, de Virandeira Folk, e Xurxo Raposo e Anxo Xesteira, de Treixadura, quenes expresaron a súa honra por poder participar no evento.

Treixadura, que dende 1990 ten recuperado e rescatado do esquecemento numerosas melodías para manter viva a tradición oral, chega a Rois dentro da xira do seu último traballo Inda canto!, que xa ten percorrido máis de 30 localidades galegas. Con 6 discos no mercado, Treixadura segue fiel ao seu son característico tentando levar a interpretación da música tradicional ao máximo nivel artístico e escénico.

Virandeira Folk será o outro prato forte do concerto que comezará ás dez da noite. A banda viguesa segue apostando máis que nunca pola mestura de xéneros, estilos e sons, dende a música celta ao rock. Chema Alonso sinalou que “o grupo está rematando a xira do seu segundo disco, ‘Metamorfose’, e que moi pronto verá a luz o terceiro disco”, tamén aproveitou a ocasión para animar a todo o mundo a asistir a este “festivalazo que nunca defrauda”.

A nova etapa do Festival NaturFest comezou no 2018 como unha fusión de dúas citas musicais estivais que celebraran tres edicións cada unha: o Chorima Naturfest, que promovía o OCT Chorima, e o Rois Arrasa!!!, impulsado polo Concello. “Aínda que os resultados destas iniciativas foron positivos, decatámonos de que sumando forzas podiamos crear un único e sólido festival co que enxalzar o panorama musical, tanto local como galego. O éxito da primeira edición do Festival Naturfest, que se celebrou o ano pasado, penso que nos está a dar a razón”, dixo o alcalde.

Tojo Lens afirmou que este novo NaturFest “nace coa finalidade de ofrecerlle á gran canteira musical que temos en Rois un espazo no que poida expresar e compartir a súa arte.