El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Tres millóns para sanear e levar auga a 10 parroquias carballesas

O abastecemento de Razo é a obra de maior contía acometida polo Concello sen axuda doutra Administración // Están en marcha os traballos para dar servizo a Figueroa e Outeiro // Licitado o proxecto de Taboada e A Granxa

Tubaxes para as obras de abastecemento e saneamento nos lugares de Figueroa e Outeiro - FOTO: Concello de Carballo
Tubaxes para as obras de abastecemento e saneamento nos lugares de Figueroa e Outeiro - FOTO: Concello de Carballo

J. RAMOS  | 06.11.2019 
A- A+

O Concello de Carballo ten en marcha investimentos de máis de tres millóns de euros para financiar proxectos do ciclo integral da auga en dez parroquias.

A partida máis importante corresponde á obra do abastecemento de auga a Razo, que conta con 1,6 millóns de orzamento de execución. Trátase, segundo sinalan dende o goberno municipal (BNG), "da obra de maior contía acometida nunca polo Concello de Carballo sen axuda de nin­gunha outra Administración". A rede chegará a Razo da Costa, Santa Mariña e Arnados, na parroquia de Razo, e a Vilar do Carballo, As Encrucilladas, Oza Vella, As Torres e O Rodo, na de Oza, onde están a traballar actualmente.

Dita rede será ademais o punto de partido para acometer outro dos proxectos que sairá a contratación en breve: o abastecemento de auga ao núcleo de Lema, cun orzamento de 431.876,23 euros, aprobado xa pola Deputación da Coruña con cargo aos fondos adicionais do Plan Único.

As que xa están en marcha son as actuacións de abastecemento de auga e saneamento nos lugares de Figueroa e Outeiro, na parroquia de Sísamo, que executa a empresa Construcciones Vázquez y Reino por 257.125 euros. En total instalaranse case tres quilómetros de rede de sumidoiros e outros tantos de traída.

Asemade, a xunta de goberno local vén de aprobar esta semana o expediente de contratación das obras da rede de saneamento nos lugares de Taboada e A Granxa, na parroquia de Entrecruces, cun investimento de 259.959,13 euros. O proceso de contratación xa está en marcha e as empresas teñen de prazo ata o 20 de novembro para presentar as súas ofertas.

No caso de Taboada a rede terá unha lonxitude total de 846 metros e a de A Granxa de 822. En ambos casos, a canalización proxéctase con tubería de PVC. Executaranse ademais un total de 61 pozos de rexistro. As obras incluirán a reposición dos firmes afectados polas escavacións con firme de formigón, aglomerado asfáltico ou beirarrúas, en función da zona. Os traballos serán financiados con cargo ao Plan Único (POS+2019) da Deputación da Coruña, aportando o Concello únicamente 24.619 euros. O prazo de execución previsto é de cinco meses a partir do seu inicio.

Nesta semana rematou tamén o tempo para recibir ofertas de cara a estender o saneamento entre A Piña e Evas, na parroquia de Sofán, cun orzamento de 224.058,27 euros, e para o proxecto para levalo a puntos concretos das parroquias de Lema, Oza e Rebordelos, por 182.867,41 euros.

Pola súa banda, no núcleo de Castrillón (Lema), protexido no PXOM, o Concello carballés ven de investir máis de 210.000 euros no proxecto de conservación e mellora viaria do lugar, no que deixaron preparada tamén a rede para o abastecemento de agua.

{ PASABA POR AQUÍ } Aposta polo rural

Aínda queda moito que camiñar para evitar que o medio rural esmoreza en Galicia pero, sen dúbida, unha das claves para tentar revitalizar aldeas e parroquias é dotalas de servizos que permitan aos seus veciños e veciñas vivir con calidade nos lugares que os viron nacer. Garantir o subministro de agua e sanear os núcleos é algo básico, e por iso, a aposta do Concello de Carballo por estender estes servizos ao rural é a folla de ruta a seguir. Unha inversión millonaria que ben poderían adicar a outras actuacións que xerarían titulares moito máis chamativos pero que non terían, a bo seguro, o valor destes cartos soterrados, que son semente de futuro. MANUEL LAVANDEIRA 

O PROTAGONISTA

Evencio Ferrero Alcalde de Carballo "Investiremos superávit en rus e artes"

Na súa aposta por dotar dos servizos básicos a todo o medio rural do municipio, o Concello carballés adicará parte do superávit do exercicio de 2018 a levar o abastecemento de auga dende Santa María de Ardaña ata Canosa (Rus), cun orzamento de 323.203,69 euros, e o saneamento dos lugares de Altiboa, Vilarvello, O Alto, Vilanova e Baltar, na parroquia de Artes, por un importe de 199.884,67 euros.

Para financiar as obras do ciclo integral da auga, o Concello carballés, ademais de adicar recursos propios, conta tamén co apoio da Deputación Provincial da Coruña a través dos diferentes plans para obras e servizos.