El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Tres propostas de Carballo e Corme son candidatas aos Premios Economía Azul

Trátase de iniciativas innovadoras a nivel local e promoven unha economía circular

MANUEL LAVANDEIRA   | 16.10.2019 
A- A+

Malpica. Tres proxectos do territorio GALP Costa da Morte optan aos II Premios Economía Azul da Conselleria do Mar para recoñecer as iniciativas destacadas entre as subvencionadas ao amparo das axudas extratexicas de desenvolvemento local participativo.

Na categoría de innovación local, foi seleccionada a planta de produción de aceite de microalgas, promovida por Carbiotech, que ten a súa sede en Carballo. Consiste na creación dunha empresa de produción de microalgas, única na Unión Europea, para a obtención de concentrado vexetal mariño con alto contido en DHA (omega 3), baseándose nunha tecnoloxía innovadora e cun impacto medioambientalmente máis sostible que as alternativas actuais.

E na modalidade de economía circular foron elexidos dous proxectos. Un deles é Persoas diversas + Confrarías = Economía circular, promovido por Aspaber, de Carballo. Pretende adquirir equipamento para a captación de persoas con diversidade funcional na actividade auxiliar á industria pesqueira de reparación de caixas de peixe mediante termo-soldadura. Conquerirán así reciclar e reducir o consumo de plástico, diminuíndo tamén a súa chegada ao mar.

O outro é o Taller de Sensibilización Medioambiental da Costa da Morte, impulsado pola Asociación de Redeiras Illa da Estrela, de Corme. O colectivo pretende crear un taller e adquirir o equipamento e maquinaria necesario para poder desenvolver actividades e xornadas de carácter medioambiental, centradas fundamentalmente no reciclaxe das redes e residuos do mar. O prazo para votar estará aberto ata o domingo, día 20 de outubro. Cada persoa pode escoller un proxecto por cada unha das cinco categorías existentes. Pódese votar a través da ligazón http://bit.ly/Finalista0502.