El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Veciños de Ames eloxian o labor dos seus voluntarios

Máis de medio cento de persoas participan dunha maneira altruista nas diferentes accións que desenvolve o Concello // As mulleres de mediana idade e os xubilados ou prexubilados son os perfís que máis axudan nese aspecto

Participantes do obradoiro de relaxación a través de cores da OVA asistindo a unha das clases - FOTO: C.A.
Participantes do obradoiro de relaxación a través de cores da OVA asistindo a unha das clases - FOTO: C.A.

RITA BLANCO GONZÁLEZ  | 09.12.2018 
A- A+

Con motivo do Día Internacional do Voluntariado, que tivo lugar o pasado martes cinco de decembro, a Oficina Municipal de Voluntariado de Ames (OVA), que leva activa dende o ano 2002, fai balance da súa labor. E, nese sentido, destaca o feito de que son 54 os voluntarios que na actualidade colaboran coa oficina nas diferentes actividades.

De entre estas persoas, os perfís que máis abondan son o dos xubilados ou prexubilados e o das mulleres de mediana idade.

A veciñanza de Ames amósase moi agradecida aos máis de 350 voluntarios e voluntarias que, durante os 16 anos que leva vixente a OVA, colaboraron de xeito altruista con ela. Como cada cinco de decembro, valoran a súa actividade no eido social a prol dos veciños con dificultades.

A concelleira de Voluntariado, Isabel González, eloxiou "o traballo desinteresado e incansable das voluntarias e voluntarios que fan que o noso concello sexa un referente neste aspecto" e proseguiu dicindo que "o Concello nunca poderá agradecer todo o seu labor en favor dos demais; sodes un exemplo". Finalmente, fixo referencia a Rubén Ramos, coordinador da OVA, para recoñecer o seu labor.

Dende a oficina, levan a cabo tres tipos de traballos. En primeiro lugar, desenvolven programas de acción social, que se centran en actividades de acompañamento a persoas ancianas ou con discapacidade tanto no transporte adaptado municipal como nos centros sanitarios. Tamén ofrecen programas sociocomunitarios e de acción voluntaria, ademais dos de atención socioeducativa, nos que se encadran as tarefas de apoio escolar a menores que padecen algún tipo de problema social.

Neste aspecto, a OVA dividiu aos dezaoito nenos e nenas que participan no proxecto en seis grupos diferenciados por idades e necesidades de aprendizaxe. Son seis voluntarias as que imparten estas clases en Bertamiráns e no Milladoiro.

Esta iniciativa encádrase dentro dos plans de educación familiar municipal. Ademais dela, existe a Escola Integral de Maiores, que oferta actividades de ensinanza escolar básica nos mesmos lugares a un total de 47 persoas. Nela, tamén se imparten clases de español para estranxeiros, un curso de inglés para adultos e está en marcha outro de iniciación ao ganchillo.

Con todo, a OVA xestiona moitas actividades máis: un curso de viticultura e horticultura; outro de patronaxe, corte e confección; un obradoiro de costura para principiantes e outro de relaxación a través das cores. Asimesmo, está en proceso un curso de informática dirixido ás persoas maiores.

Dentro das campañas que ofrecen os voluntarios destaca o roupeiro municipal, un servizo que recolle entre a veciñanza roupa e enseres en desuso, pero en bo estado, para darllos ós necesitados.

Para que outros poidan ver é un programa que comezará despois do Nadal, polo cal se recollerán medicamentos e lentes para enviar ao Sáhara. Por último, cabe destacar a terceira edición da campaña Zocos e trasnos, para a recollida de xoguetes durante o Nadal, que se entregarán a cativos de entre 0 e 14 anos cuxas familias pasan por dificultades económicas.