El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

TEO

'Verbena', a oitava exposición no espazo de arte A Veiga, inaugurarase esta tarde

O artista Roi Domínguez cunha das súas obras - FOTO: ECG
O artista Roi Domínguez cunha das súas obras - FOTO: ECG

ECG   | 15.03.2019 
A- A+

O espazo de arte do Asador & Vinoteca A Veiga, en Teo, inaugura esta tarde, ás 20.00 horas, Verbena, de Roi Domínguez, artista multidisciplinar do Barco de Valdeorras. A oitava exposición do local versa sobre unha serie de traballos pictóricos realizados exclusivamente con viño tinto.

Esta nova mostra, coordinada por Isabel Patiño, ofrece unha perspectiva costumista e contemporánea de diferentes momentos festivos, con influencias tan dispares como Castelao ou a orquestra Panorama, tratando de desidealizar o propio concepto iconográfico de representación, e tomando como referencia imaxes amateur ou mesmo recortes de prensa e fotogramas de televisión, onde as personaxes adoitan mostrarse dun xeito máis natural e sen efectismos.

Este proxecto, en constante produción e mutación, trata de experimentar cun material aloxado das técnicas pictóricas, pero cunhas connotacións que nos remiten aos festexos, á celebración e á reunión que engade significado a cada unha das obras.

Por outro lado, preténdese achegar esta disciplina ao cotián, mediante a súa exhibición en lugares afastados dun contexto propiamente expositivo. "Trátase de levalo ao espectador, e non ao revés", explica o graduado en Belas Artes e técnico superior en A.A. Escultura pola EASD Pablo Picasso.

Cun carácter itinerante, esta será a súa cuarta parada, despois dunha pequena ruta por distintos puntos da súa contorna.

O autor conta na súa traxectoria con premios en varios certames, como o Novos Valores, o Francisco Asorey ou o do Festival de Cans. Ademais, as súas creacións xa estiveron en emprazamentos como o Auditorio de Galicia.